A sede viguesa da Deputación acollerá unha xornada coas principais produtoras e creadoras de contidos do Estado

mércores, 13 de decembro do 2023 S. P.

Vigo converterase o vindeiro 20 de xaneiro no epicentro do novo audiovisual: das novas propostas, dos novos formatos, das novas canles e das novas linguaxes. Así o fixo saber esta mañá a vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, na presentación da xornada Conecta+, un evento no que as principais produtoras, plataformas e creadoras de contido do Estado debaterán e intercambiarán experiencias con creadoras e creadores audiovisuais galegos.
Conecta+ enmárcase na iniciativa Conecta Lab, programa impulsado pola Deputación xunto con CREA, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e a única entidade española especializada na xestión de dereitos de autor de medios audiovisuais (DAMA), para” acompañar, impulsar e promover seis proxectos audiovisuais emerxentes de proxección”. Cinco destes proxectos daranse a coñecer a comezos de xaneiro entre as máis de 200 persoas que se presentaron á convocatoria do programa, aberta a finais de outubro e pechada o 30 de novembro; o sexto será elixido polas produtoras e creadoras de contidos entre as e os participantes inscritos na xornada Conecta+ que acollerá a sede da institución provincial en Vigo o 20 de xaneiro.
Fernández-Tapias remarcou a “boa acollida da convocatoria do programa Conecta Lab, con máis de 200 proxectos presentados, un 40 % deles liderados por mulleres e un 30 % en lingua galega, que son a proba real de que nesta provincia hai un gran talento creativo ao que debemos e queremos apoiar”.
A vicepresidenta adiantou que, entre o 19 e o 29 de abril de 2024, a Illa de San Simón acollerá as seis creadoras e creadores seleccionados para participar no programa, que traballarán e convivirán nunha residencia e laboratorio creativo a carón de recoñecidos profesionais do audiovisual. “Serán dez días de moito traballo, con clases, xornadas profesionais e encontros transfronteirizos que servirán, ademais, para tender pontes co sector audiovisual do Norte de Portugal”.
Na edición de Conecta Lab, que se organizou este ano, participaron profesionais como Óliver Laxe, Álvaro Gago, Iziar Bollaín, Celia Rico, Carlos Marqués-Marcet, Mikel Rueda, Laura Sarmiento e Fernando Franco.

PUBLICIDADE