A sede electrónica de Pontevedra abre as súas portas con 42 entradas

xoves, 3 de marzo do 2016 Redacción

Como xa anunciabamos onte dende Código Cero, co arranque deste mes de marzo comezaba tamén a súa andaina a sede electrónica do Concello de Pontevedra, que o mesmo día 1 de marzo xa arrincaba a ter peticións e suxestións, así como tamén se estreaba por parte dos cidadáns para facer os seus trámites. Así, nesa mañá a páxina rexistraba 42 accesos na súa parte privada tanto de empresas como de particulares, que solicitaron, entre outras cousas, a instalación de lombos na rúa dos Soutos.
E indo ao obxectivo da sede, nela pódense facer trámites, especialmente, os vinculados co servizo de tributos amais de recompilar toda a información dos procedementos habituais que os cidadáns requiren da administración local: trasladar información ao Rexistro, solicitude de volante de empadroamento, domiciliación de recibos… Durante as vindeiras semanas irase introducindo a páxina para poder pagar tributos ou facer solicitudes de carácter urbanístico, entre outros.
Cómpre engadir que grazas a esta nova ferramenta, os cidadáns disporán dunha parte privada á que pode acceder calquera veciño para coñecer a información que o Concello posúe del: pagamento de tributos, recibos pendentes, unidades fiscais… Para poder acceder a esta parte privada é preciso ter unha destas tres vías de acceso: DNI electrónico, certificados oficiais ou ben contrasinal (que se pode solicitar ante o Rexistro Xeral Municipal con fotocopia do DNI).
A sede municipal tamén ten unha páxina de transparencia na que se poden consultar informacións obrigadas pola Lei de Transparencia como: a oferta de emprego público, o perfil do contratante, o taboleiro de anuncios, a normativa municipal e os seus impresos...
Á sede pódese acceder dende o enderezo mesmo ou a través da páxina principal do Concello de Pontevedra, nunha fiestra situada na parte superior.

PUBLICIDADE