A sede da RACG acolle este martes o inicio das celebracións arredor de Frei Feijoo e a nosa ciencia
martes, 23 de abril do 2013
- O pensador galego Frei Feijoo, eixe central das actividades do Día do Científico Galego
Este martes 23 de abril
temos motivos extra que engadir aos motivos naturais e lóxicos para
celebrar a nosa investigación. De feito, trátase do Día do
Científico Galego, un festexo que está a ser canalizado a través
da Real Academia Galega de
Ciencias e a figura elixida este ano para conmemorar a necesidade
de seguir descubrindo e abrindo novos vieiros ao coñecemento: a
figura do pensador e ensaísta Benito Jerónimo Feijoo, Frei Feijoo
(ou Pai Feijoo). Con motivo de celebrar a xornada e máis o legado de
Feijoo, a
RAGC ten entre mans unha serie de actividades a ter en conta na súa
sede da rúa San Roque (nº2) en Santiago de Compostela. A xeira
dará comezo pola mañá, cun espectáculo científico para grupos
escolares, de case unha hora de duración, e que logo vaise repetir
ás 16.30 para o público en xeral e con formato aberto.
Máis tarde, ás 19.00
horas, terá lugar na sede da Academia un acto académico de
celebración que contará coa presenza do presidente da entidade,
Ernesto Vieítez, acompañado do prior da Real Abadía de Samos, José
Luis Vélez (que fará un percorrido persoal pola obra e vida de Frei
Feijoo), da investigadora e ex directora do Instituto Padre Feijoo da
Universidade de Oviedo (Inmaculada Urzainqui) e do diretor da Axencia
Galega de Innovación, Manuel Varela.
Sinalar que estas e
outras accións de divulgación preparadas (noutras localidades
galegas e até o mes de xuño) están promovidas pola RAGC en
colaboración coa Fundación Barrié. A cita deste martes en Santiago
será o inicio dunha xira de espectáculos científicos que visitará
Santiago, Ourense, Vigo e A Coruña, e que virá acompañado da
distribución de material divulgativo entre os visitantes ao Mosteiro
de Samos (Lugo) e a difusión dunha unidade didáctica a todos os
centros escolares de Galicia. As actividades retomaranse o sábado 27
de abril, nos Xardíns do Padre Feijoo, en Ourense, cun evento
científico na rúa dirixido a todos os públicos que terá varias
sesións ao longo de toda a mañá. Asemade, desenvolveranse uns
obradoiros didácticos no Colexio Padre Feijoo de Ourense o 6 de maio
e no CEIP Padre Feijoo de Allariz ao día seguinte. A principios de
xuño repetirase para escolares de Vigo e A Coruña nas sedes que a
Fundación Barrié ten nestas dúas cidades.
A Real Academia
Galega de Ciencias (RAGC) aprobou por unanimidade a elección de
Feijoo para ser homenaxeado este ano polo “seu esforzo defensor
e impulsor da nova ciencia baseada na razón e na experiencia e polo
seu espírito crítico á hora de cuestionar dogmas e espallar as
ideas científicas –enfrontándose á censura da Inquisición–
mesmo entre os estratos sociais que no século XVIII tiñan un
difícil acceso ao coñecemento”. Frei Feijoo naceu no pazo de
Casdemiro (Pereiro de Aguiar, Ourense) en 1676.