A sede SmartPEME en Cambados realizou preto de medio milleiro de asesoramentos

martes, 13 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

As instalacións da rede SmartPEME en Cambados luciron éxitos de actividade e participación este 12 de marzo. Segundo fixeron os responsábeis deste punto formativo TIC, a sede realizou desde a entrada en funcionamento máis de 400 asesoramentos e organizou máis de 90 obradoiros sobre novas tecnoloxías da información aos que asistiron máis de 700 persoas. Ademais, os técnicos das oficinas de Cambados achegaron atención a máis de 130 empresas. Estes e outros datos foron subministrados durante a visita a Cambados da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Segundo fixo saber, o obxectivo este ano é “impulsar asesoramentos en materia tecnolóxica vencellados ao turismo, un dos sectores económicos máis importantes para a comarca do Salnés e para a toda a provincia”.
Na achega de datos celebrada nas instalacións de SmartPEME participaron tamén a alcaldesa Fátima Abal, o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, e a responsábel dun dos proxectos empresariais de éxito que se beneficiaron da actividade local de SmartPEME: Elisa Franco, impulsora de Mamacosesola.
Carmela Silva fixo balance dos resultados e funcionamento da Oficina de Cambados e recoñeceu sentirse “moi contenta por ver que os recursos públicos serven para poñer a disposición da cidadanía e da actividade económica proxectos de futuro que sirvan ás empresas para internacionalizarse, ter máis beneficios, poder contratar a máis persoas ou ter máis presenza”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, agradeceu o traballo que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra a través da oficina de SmartPEME na vila arousá. Máis polo miúdo, Abal destacou que “ata aquí acoden moitas persoas emprendedoras e empresas a diario, para buscar axuda e asesoramento para seguir adiante cos seus proxectos, para ter un futuro máis prometedor”.
Pola súa banda, Elisa Franco fixo un percorrido pola súa experiencia en SmartPEME, onde recibiu asesoramento en innovación e novas tecnoloxías. Franco explicou que o seu traballo comezou cosendo dende a casa de xeito autodidacta e, trala costura, “empecei a formarme en patronaxe dixital infantil e impulsei a miña empresa, Mamacosesola, co obxectivo de ofrecer ás familias patróns e instrucións para poder levar a cabo vestiario infantil de xeito sinxelo”. A emprendedora destacou “a axuda fundamental de SmartPEME para actualizar a miña presenza en Internet”. En detalle, puido aprender a impulsar a presenza en liña dos contidos de Mamacosesola e capacitouse ao máximo en mercadotecnia dixital, optimización de redes sociais e no emprego intensivo da analítica.

Sobre SmartPEME e a súa nova andaina

Para quen non o saiba, SmartPEME é un programa da Deputación de Pontevedra que fornece ás persoas emprendedoras, autónomas, ás asociacións e aos axentes dos concellos, servizos personalizados para o desenvolvemento económico do tecido empresarial a través das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Actualmente conta con sedes en Cambados, Pontevedra, Vigo, Lalín, A Estrada, O Porriño e Ponteareas. Asemade, tamén achega formación en Barro.
Respecto das novidades deste ano, a Deputación informa que a través do Centro Provincial de Economía Dixital vanse dar a coñecer ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para isto, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro, co obxectivo de posicionarse na vangarda da innovación da provincia ao servizo das empresas.
Doutra banda, SmartPEME Impulsa, abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais.
Outra das novidades é TurisTIC, que se quere erixir como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas, pretende potenciar ao sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo.

PUBLICIDADE