A robótica, os drons no audiovisual e o WordPress serán co-protagonistas da oferta formativa do Campus de Pontevedra

martes, 1 de febreiro do 2022 S. P.

Un amplo abano formativo baseado en boa medida nas tecnoloxías e nas portas que estas abren en materia de creatividade, autonomía persoal, educación e emprego. Así podería definirse a oferta de obradoiros do Campus de Pontevedra (extensión universitaria da Vicerreitoría) para este segundo cuadrimestre, que vén cunha renovada oferta de actividades para toda a cidadanía e que inclúe citas formativas centradas na robótica, nos drons ou no deseño intelixente.
Dirixidos tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, desde este luns 31 de xaneiro fica aberto o período de inscrición en sete cursos de entre 20 e 30 horas, entre os que se atopan tamén as novas edicións dos obradoiros de creación de webs con WordPress e escalada en rocha.
Cun prezo de matrícula de 40 euros, cun 35% de desconto para os e as integrantes da comunidade universitaria, a inscrición nestes obradoiros poderá realizarse ata o vindeiro xoves 10 de febreiro a través da plataforma Campus Activo. Cunha oferta conxunta de máis de 80 prazas, trátase dunha axenda “cunha característica común, que é a súa especificidade”, salienta o vicerreitor Jorge Soto.
Unha das novidades neste cuadrimestre é STEAM: Robótica creativa aplicada á educación, un taller dirixido a introducir aos e ás participantes no deseño e aplicación de propostas didácticas innovadoras, enmarcadas nun enfoque STEAM (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas). Impartido pola experta en deseño de e-téxtiles Paola Guimeráns, arrancará o 25 de febreiro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e combinará as clases presenciais e virtuais.
Tamén cunha metodoloxía mixta, o 7 de marzo dará comezo en Ciencias Sociais e da Comunicación Creative thinking. Hackea a túa mente. Impartido pola profesora Silvia García Mirón e a consultora de innovación Yolanda Vázquez, trátase dun taller dirixido a afondar na metodoloxía do Design Thinking, centrada na xeración de ideas innovadoras que busquen dar solución a necesidades reais.
Entre o 7 e o 15 de marzo, a sede da Vicerreitoría acollerá outra das novidades desta programación, Drons no audiovisual: pilotaxe, planificación e gravación de proxectos audiovisuais con drons. Impartido polo investigador Javier Abuín e os profesionais Marta Fábrega e Alberto Pájaro, este obradoiro buscará dar a coñecer as posibilidades que poden achegar estas aeronaves á realización de proxectos audiovisuais de diversa índole.
Por outra banda, entre o 10 e o 25 de marzo, Belas Artes acollerá o curso Proxectos artísticos: elaboración, deseño e proceso. Impartido polos investigadores da facultade Román Corbato e Marcos Covelo, este curso afondará, a través dunha serie de casos concretos, nas diferentes fases de preparación, deseño e desenvolvemento dun proxecto, dossier ou currículo artístico.
Tamén nesta facultade, o 16 de marzo dará comezo un obradoiro de iniciación á cerámica, dirixido pola profesora Chelo Matesanz, que o impartirá xunto á ceramista e egresada Teresa Pece.
Esta oferta formativa complétase coas novas edicións de dúas actividades formativas que xa forman parte da programación de extensión universitaria do campus. Por unha banda, o 31 de marzo dará comezo a cuarta edición de Creación, xestión e posicionamento de páxinas web desenvoltas con WordPress, un obradoiro no que o profesor de CCSS e da Comunicación Xabier Martínez Rolán e o consultor Wajari Velásquez amosarán ao alumnado como crear e xestionar un espazo web con este xestor de contidos de código aberto, á vez que lles achegarán nocións de deseño web e mercadotecnia dixital.
Por outra banda, a serra do Galiñeiro será o escenario, a partires do 22 abril, do segundo obradoiro de escalada en rocha, que dá continuidade aos talleres de iniciación que os profesores de Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez e Diego Alonso promoven cada ano no rocódromo desta facultade. Coa participación como docente do técnico en escalada José Juan Domínguez, para asistir a esta actividade será necesario ter realizado previamente un curso de iniciación acreditado.

PUBLICIDADE