A revolución 4.0 a súa pegada nas PEME, ao detalle nunha xornada do ICOIIG

martes, 21 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A Industria 4.0, en contra do que se pode supoñer, non é nin será exclusiva das grandes empresas nin se limita a grandes plantas de produción industrial: pode achegar vantaxes a gran escala e, tamén, nos máis concretos detalles dunha firma pequena. Mostrar as posibilidades da loxística 4.0 nas PEME foi o gran obxectivo dunha xornada celebrada hoxe na Coruña da man do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG). Foi a primeira dunha nova serie de charlas do programa divulgativo da Oficina de Transformación Dixital do colexio, a OTD.
A sesión de hoxe, que foi dupla, serviu tamén para expor as potencialidades da Intelixencia Artificial e a análise de datos a gran escala (Big Data) na operatividade das plataformas loxísticas.
Francisco Pérez Rivas, socio da firma especializada G3M Operational Consulting, foi o encargado de ofrecer as sesións. A primeira delas consistiu en expor o que supón a revolución 4.0 no ámbito da industria, situándoa nun contexto histórico, e en detallar os fundamentos da loxística 4.0. Do mesmo xeito, describiu dous casos de éxito na dixitalización de almacéns, como son os de Mercadona e Amazon.
Na seguinte charla, Pérez Rivas explicou como a evolución das tecnoloxías, coa utilización intensiva da información e a interconexión, permitiu “democratizar as capacidades da loxística, de xeito que empresas de moi diferentes sectores poden estar á altura de grandes actores”. A súa intervención fixo especial fincapé en como unha aplicación racional dos fundamentos da loxística 4.0 facilita acadar a máxima competitividade en todo tipo de PEME.
O relator, responsábel de proxectos de optimización de operacións en máis de vinte firmas de sectores moi diversos a nivel internacional, debullou o caso de éxito de Krack Zapaterías en materia de “convivencia entre a loxística física e a dixital”.
124 accións nos vindeiros meses
A actividade deste 21 de maio en Coruña enmárcase nun intenso calendario de 124 accións coas que o ICOIIG chegará ás sete principais cidades galegas até o próximo mes de setembro. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

PUBLICIDADE