A rede social galega Vituin amosa nova feitura e servizos

martes, 11 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

Os responsábeis de Vituin, plataforma social galega de cuxa posta en marcha falamos en Código Cero a comezos de 2013, veñen de informarnos dunha serie de actualizacións no seo da dita rede, traballos que atinxiron a múltiples eidos: formato, deseño e ferramentas, ao que cómpre engadir un bo número de servizos. Isto materializouse en novidades como a aplicación de seu para móbiles con Android , que se acompaña das respectivas versións para dispositivos iOS e para Windows Phone. Asemade, houbo melloras importantes de deseño con respecto á web inicial, apostándose agora polo visual dun xeito moito máis claro.
Vituin, cuxa raizame colleu corpo a finais de 2012 (os seus responsábeis materializaron finalmente unha arela compartida de crear unha rede social “xenuinamente galega”), non só é distintiva e particular só por ser galega, aínda que tamén, senón pola vontade que amosa de situarse a contrapelo dos intereses económicos e controladores de masas de boa parte das redes sociais ás que temos acceso na actualidade, informan os seus impulsores.
Ademais, ao seu xuízo unha boa parte destes servizos 2.0, engaden, “négannos como país”. E explican ao respecto: “Non sería a primeira vez que estas redes sociais nos utilizan sen o noso consentimento, con fins máis que dubidosos e escuros”. Para achegar unha alternativa real e útil a estas estratexias de control, que ademais sexa unha alternativa galega, é para o que xurdiu Vituin, precisamente, “unha ferramenta alternativa que abre un novo vieiro para a lingua e a idiosincrasia propias como pobo na que todas e todos poidamos ser protagonistas”.

PUBLICIDADE