A rede non discriminatoria será un dos eixes do Congreso TADEGa, a celebrar en Ourense

xoves, 3 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A asociación galega TADEGa, centrada na defensa dunha Sociedade da Información que non exclúa e sexa plenamente accesible (dende o eido educativo en adiante), vai organizar os vindeiros 11 e 12 de febreiro a segunda edición do seu congreso. O evento, que se desenvolve co epígrafe Prácticas dixitais na atención á diversidade, terá lugar en Ourense, no Auditorio Municipal. Especialmente dirixido á comunidade educativa e ao sector das novas tecnoloxías da información, incluirá un amplo bando de temas a tratar: traducións a galego de ferramentas TIC, ferramentas dixitais para familias de persoas con diversidade funcional, servizos para combater a exclusión social na nenez ou para a creación de recursos didácticos, aplicacións de baixo custe ou elaboración propia, etc.
Como dixemos, detrás deste encontro atópase a asociación TADEGa, Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega. Un dos obxectivos do congreso é pór en valor a importancia de favorecer unha rede universal, sen limitacións de uso, tema de especial importancia se temos en conta que arestora se está a desenvolver nas escolas galegas o Proxecto ABALAR da Consellería de Educación, encamiñado a dixitalizar o noso panorama educativo. A asociación galega, integrada sobre todo por profesionais da docencia e persoas con diversidade funcional, contou para este congreso co apoio da Consellería de Educación, o Concello de Ourense, a Fundación Orange, a Asociación Divertic, BJ Adaptacións e Smart Technologies. Segundo informa TADEGa, as persoas que asistan ao evento recibirán unha certificación oficial por parte do dito departamento da Xunta.
No que atinxe ao formato do congreso, dicir que se trata dun acontecemento dirixido a priorizar as vertentes máis prácticas da divulgación e do debate, reemprazando a xeira habitual de relatorios neste tipo de eventos por obradoiros nos que cada persoa inscrita terá oportunidade de procurar os contidos máis axeitados segundo os seus intereses.

PUBLICIDADE