A rede de academias ConMasFuturo leva o seu programa educativo TIC a Ferrolterra

luns, 18 de maio do 2015 Redacción

ConMasFuturo, rede de franquías especializada en fomentar o ensino TIC entre os máis novos, vén de abrir nova sede na provincia da Coruña, máis polo miúdo na rúa Vigo, 3 B e 12-14 B, na Gándara-Narón. Segundo fai saber a empresa, o obxectivo é achegar os mellores servizos e os mellores profesionais para garantir que as nenas e nenos de Narón e as localidades da contorna “poidan familiarizarse coa tecnoloxía desde idades temperás, sen deixar de lado o lecer, a diversión e o contacto coa natureza e o medio que lles rodea”.
Sinalar que a oferta educativa da academia abrangue cursos de fin de semana, actividades extraescolares e máis campamentos. Os alumnos, desde os 5 até os 17 anos, poderán aprender robótica, programación de videoxogos, creación de aplicacións para dispositivos móbiles, electrónica con Arduino, programación con Unity ou crear os seus propios xoguetes electrónicos coa linguaxe Raspberry Pi. Tamén poderán explorar, en palabras dos responsábeis da academia, todas as posibilidades que ofrece Minecraft e a súa contorna, crear o seu propio videoclip, maquillarse, facer guións, compor as súas propias pezas musicais, aprender a dobrar ou crear os seus cómics dixitais, “entre outros moitos cursos impartidos por profesores especializados”.
Sinalar a maiores que o vindeiro 23 de maio está prevista a presentación oficial de ConMasFuturo no Centro Comercial Odeón de Narón, onde os seus responsábeis realizarán unha demostración tecnolóxica dos obradoiros programados.

PUBLICIDADE