A rede de ONO, con problemas en Levante dende o venres

martes, 2 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Ter contratados os servizos de ONO e vivir en Levante non é sinónimo de sumar malas pasadas en materia de acceso a Internet, aínda que probablemente os ánimos dunha boa parte dos usuarios da Rede que cumpren os dous requisitos devanditos estean estes días máis que caldeados. Conclusión: mellor non facer brincadeiras co tema. Segundo se nos conta en Bandaancha, son moitos os clientes do dito provedor de Internet por cable que están a sufrir dende o venres as consecuencias dunha avaría, ao parecer (segundo contan os propios usuarios nas entradas máis recentes dos foros) por mor dun fallo alleo a ONO pero que lle afecta a esta de xeito directo. Hai casos en Cartaxena, en Murcia, Alacante, Castellón, Valencia e Palma de Mallorca, e os problemas tradúcense en atrancos para acceder a determinadas páxinas web (algunhas delas, probablemente de maneira casual, na listaxe negra da SGAE por dar acubillo ao que a entidade chama intercambio ilegal de arquivos).
Ao parecer, o problema non está a ser ben identificado pola dita firma, malia que se teña constancia de repetidas chamadas ao servizo de atención ao cliente por parte dun bo número de usuarios. Estes, cóntase, están a recibir respostas de todo tipo (se cadra por non ver a empresa problema algún nos seus servizos, e quizais, insistimos, teña razón), sendo algunhas destas respostas, xustificadamente ou non, manobras para cambiar a pataca quente de mans. Tal variedade de respostas podemos vela reflectida no foro de ONO.
Por certo que dende webs como a dita de Bandaancha xa se lle está a recomendar aos afectados que, de persistir o problema, fagan todo o posible para pedir nas chamadas de atención ao cliente un número de incidencia do mal funcionamento observado. En caso de negarse o dito departamento a abrir incidencia, o usuario pode achegar unha reclamación telefónica e solicitar o documento acreditativo da presentación da queixa, que ONO debería enviar ao usuario en 10 días. Este é, informa a web, o primeiro paso para abrir a vía legal a través de usuariosteleco.es, a Oficina de Atención ao Usuario de Telecomunicacións.

PUBLICIDADE