A rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra ofrece en maio un completo programa de obradoiros

xoves, 3 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de maio nas súas diferentes sedes un completo feixe actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores locais. Segundo informou este primeiro de mes a entidade provincial, estamos a falar de 37 accións formativas sobre as máis variadas temáticas TIC. Os obradoiros celebraranse nas sedes de SmartPEME en Cambados (Centro Exposalnés), nos viveiros de empresas de Barro, Lalín e A Estrada e nas oficinas de Vigo, Ponteareas e O Porriño. Afondarase nas redes sociais, na seguridade informática, no deseño web ou no manexo de programas informáticos, entre outros temas. Ás 37 actividades devanditas cómpre sumar as sete previstas para a sede da Deputación en Pontevedra. En total, 44 accións formativas.
Todas aquelas persoas interesadas en acudir a estes obradoiros, destinados a persoas emprendedoras, autónomas e autónomos e ás PEME da provincia é de inscrición cen por cen de balde, poden apuntarse chamando ao teléfono 886 202 020, escribindo un correo electrónico a info.smartpeme@depo.es ou a través da páxina web www.smartpeme.depo.es.
Polo que respecta a Ponteareas, acollerá os seguintes obradoiros: Como ser eficiente na organización do teu tempo: Trello e Toggl, o venres 4 ás 17:00 horas (o resto de accións comezarán ás 19:00 horas). A seguinte será Aprende a crear vídeos promocionais para o teu negocio, o día 9. A ela seguiralle Mellora a calidade das túas imaxes con editores online, día 14. A formación sobre Prestashop: Comeza a crear a túa propia tenda online chegará en dúas quendas: a primeira, o luns 21 e, a segunda, o 29. O 24 as persoas que se inscriban poderán aprender sobre Google Calendar, moito máis que unha axenda e, por último, Utiliza Instagram para promover e vender os teus produtos será a acción que impartirá o persoal do programa o día 31. A oficina de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5.
A oficina de Porriño, pola súa banda, acubillará os seguintes obradoiros: A túa páxina web con WordPress, o día 2 ás 19:00 horas, ao igual que Marketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva o día 8. O día 10 será a quenda da segunda parte de Prestashop: Xestión dunha tenda online, ás 17:00 horas, despois de que a primeira parte tivese lugar o pasado mes de abril. O luns 21 poderemos aprender Como utilizar Instagram para promover a túa empresa, ás 19:00 horas, seguido por Crea a visita virtual do teu establecemento o día 23 no mesmo horario. O día 29 será a quenda de Pasarelas de pago para o comercio electrónico, ás 19:00 horas e, finalmente, Aprende e usa a tipografía axeitada para comunicarte o día 31, pero nesta quenda ás 17:00 horas. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Nas dependencias de Vigo, os obradoiros comezan o día 4 ás 17:00 horas con Seguridade informática: conceptos básicos. A seguinte acción será Colabora co teu equipo dun xeito máis sinxelo, o martes ás 8. Marketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva chegará a Vigo o día 10 tamén ás 19:00 horas, ao igual que o obradoiro de Fotografía de produto especial para o sector téxtil, o día 21, segunda feira. O día 23, cuarta feira, ás 17:00 horas comeza Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico e os obradoiros seguirán a semana seguinte con Utiliza Instagram para promover e vender os teus produtos, o martes 29, e LinkedIn: a túa rede de networking, nas dúas ocasións ás 19:00 horas. A oficina de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3.
Polo que respecta ás oficinas da comarca do Deza, Lalín acollerá o obradoiro Fotografía con smartphone: PIXLR para Android e iOS o día 10 de maio, dando comezo ás 19:00 horas. Por outra banda, o punto SmartPEME da Estrada será o escenario da acción formativa Woocommerce I - A solución para vender por internet, o vindeiro 30 de maio á mesma hora. Sinalar que a oficina de Lalín, no viveiro de empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo. Pola súa banda, o punto de información SmartPEME na Estrada atópase no viveiro de empresas da vila e funciona as primeiras e últimas cuartas feiras (mércores) de mes, entre as 10:00 e as 14:30 e entre as 16:00 e as 19:00 horas.
A oficina de Barro, pola súa banda, acollerá o día 2 e o día 7 as dúas partes do obradoiro de Woocommerce - A solución para vender por Internet. Outra acción que se desenvolverá en dous módulos será a de CRM, o cliente como centro da estratexia de negocio, os días 11 e 21. Na mesma liña, o xoves 24 será a quenda de Smartdata, o CRM como aliado para conquistar ao cliente, seguido por Como facturar electronicamente o seguinte, luns día 28. Virtualización: optimiza os teus recursos tecnolóxicos pechará a quenda de accións formativas en Barro o mércores 30. A oficina SmartPEME de Barro atópase no viveiro de empresas do polígono. Todos os obradoiros do mes de maio en Barro comezarán ás 19:00 horas.
Polo que respecta á sede de Cambados, as quendas son as seguintes: este 2 de maio ás 19:00 horas, Aprende a promover a túa empresa con Pinterest. O 7 de maio, tamén ás 19:00 horas, Edición de fotografía para plataformas e-commerce. O día 10, á mesma hora, Prestashop I: Comeza a crear a túa propia tenda online, ao que lle seguirá a segunda parte, Prestashop II: Xestión dunha tenda online, o luns 21 ás 19:00 horas. O xoves desa mesma semana, o día 24, será a quenda de Seguridade informática: conceptos básicos, pero esta vez ás 17:00 horas, ao igual que Márketing dixital: clave para competir nun mercado turístico global o día 28. Por último, Crea un servizo privado de almacenamento na nube chegará o 31 de maio, nesta quenda á hora habitual, as 19:00 horas. A oficina SmartPEME de Cambados no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n.
Novidades deste ano ao abeiro de SmartPEME
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou en 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñíbeis para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.
A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.
Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE