A rapazada xa pode enviar fotos comprometidas ambientalmente ao certame Pilabot

luns, 7 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Co novo ano abriuse o prazo de presentacións o concurso de fotografía creativa #eusonpilabot, enmarcado na campaña de sensibilización ambiental Pilabot impulsada pola Consellería de Medio Ambiente para fomentar a recollida selectiva de pilas, baterías de todo tipo de dispositivos eléctricos e electrónicos e acumuladores portátiles entre a poboación escolar e as súas familias. A rapazada interesada poderá enviar as súas fotos até o vindeiro 25 de xaneiro. A iniciativa abranguerá 150 centros docentes coa súa importante mensaxe de concienciación acerca do correcto tratamento dos ditos refugallos, moi perigosos para o noso medio natural.
A iniciativa inclúe obradoiros, charlas, actividades participativas e e mesmo un concurso nas redes sociais. Será un certame de fotografía convocado baixo o cancelo #eusonpilabot e no que acadarán premio as tres fotos que acaden nas redes máis gústame.
No programa participará alumnado de 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia, a través da páxina web www.pilabot.gal, que achega os recursos precisos para a inscrición. A metodoloxía do certame especifica que unha vez feita a inscrición, un xurado conformado por representantes da Xunta e de SCRAP (sistema de responsabilidade colectivo ampliado de produtor do que forma parte Ecolec) fará unha preselección das obras finalistas; e do 1 ao 10 de febreiro, todas as fotos escollidas serán publicadas na páxina de Facebook de Pilabot. Os gañadores decidiranse en función do número de gústame recibidos nas redes sociais de modo que o autor da fotografía que obteña o maior número de votos positivos recibirá como primeiro premio unha tableta, o que fique na segunda posición levarase un altofalante bluetooth, e o que quede en terceiro lugar, unha pulseira de fitness.
A campaña Pilabot, posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente coa colaboración dos xestores de Ecopilas, ERP e Ecolec, arrincou oficialmente o pasado 1 de outubro coa presentación e xestión das inscricións dos centros educativos interesados en participar. En total, 150 colexios de toda Galicia (53 da provincia de A Coruña; 15 de Lugo; 31 de Ourense; e 51 de Pontevedra) están adheridos a Pilabot para o curso 2018-2019.
Esta campaña inclúe tamén como actividade estrela un concurso de reciclaxe de pilas, de forma que os centros participantes que consigan as mellores cifras de recollida recibirán un premio económico para a compra de material escolar ou deportivo. Fíxanse nesta actividade catro premios: dous, dotados con 2.500 euros cada un, para o centro escolar que máis quilos de pilas reúna e tamén para o que máis quilos recolla por alumno; e outros dous, de 1.250 euros, para os colexios que queden en segunda posición.

PUBLICIDADE