A rapazada de Porto do Son formouse nun uso seguro e saudábel de Internet

xoves, 3 de febreiro do 2022 S. P.

Este martes 1 de febreiro o alumnado de cuarto da ESO de Porto do Son participou nunha xornada sobre a faciana negativa das novas tecnoloxías, a que vén derivada dun mal uso das mesmas e que se traduce en cousas como adiccións ou trastornos de conduta. Na actividade cos rapaces tamén se puxo o foco na importancia de estaren protexidos e alerta para non ser vítimas do ciberacoso e das súas diferentes modalidades (grooming, sexting, sextorsión, etc).
O obradoiro Violencia de xénero e novo contexto dixital veu da man da entidade divulgativa Pantallas Amigas e a Secretaría Xeral de Igualdade, no marco do acordo de colaboración asinado coa FEGAMP e ao abeiro da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero da que forma parte o Concello de Porto do Son.
Pantallas Amigas é unha entidade posta en marcha no ano 2004, coincidindo co espallamento das novas tecnoloxías da comunicación entre as novas xeracións. O seu obxectivo é promover o uso seguro e saudábel de Internet e das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), así como o fomento da cidadanía dixital responsábel na nenez e a adolescencia. A tal fin desenvolve proxectos e recursos educativos para a capacitación de nenos, nenas e adolescentes de forma “que poidan desenvolverse de maneira autónoma en Internet”. A actividade desenvolvida esta semana en Porto do Son forma parte destes obxectivos.

PUBLICIDADE