A quinta edición de Uxianet xunta en Ribeira un cento de afeccionados ás tecnoloxías

xoves, 12 de novembro do 2015 Redacción

Agora que os encontros informáticos estatais e autonómicos para a mocidade están de capa caída, definitivamente, as iniciativas locais (ligadas a vilas e colectivos concretos) piden paso e demostran, no ámbito das LAN partys, que é o seu momento. En parte por ter os obxectivos máis claros e en parte por estar máis en contacto coa mocidade e os seus intereses (este tipo de partys locais veñen de asociacións que xuntan xente coma a que queren congregar). Nesta liña de futuro insírese Uxianet, a festa informática de Ribeira, que chega á súa quinta edición esta semana. O seu obxectivo: xuntar un cento de seareiros das novas tecnoloxías e fomentar, ao máximo, a participación, a colaboración e o intercambio de coñecemento e habilidades.
A cita será unha vez máis na Casa da Xuventude local. Ao longo da primeira xornada de actividades (este venres) irán chegando a dito emprazamento os seareiros das TIC que quixeron estar presentes para compartir e intercambiar coñecementos sobre tecnoloxías e coñecer outras persoas con intereses afíns.
O evento vén de ser presentado pola primeira tenente de alcalde do Concello e responsábel da área de novas tecnoloxías, Fabiola García, e por Gustavo Llovo e Fernando Ferro no nome da asociación Birus (tamén estivo no acto o seu colaborador Adrián Martínez). Segundo lembraron, na festa que se desenvolve esta fin de semana “participarán arredor dun cento de afeccionados, que é o máximo que permiten as instalacións”. Por certo que no encontro inscribíronse persoas procedentes de todos os recantos de Galicia, e mesmo de fóra da nosa terra. “Do interese que esperta Uxianet”, informaron os organizadores, “dá conta o feito de que as prazas de carácter aberto (50 en total) esgotáronse en menos dun día dende a apertura do período de inscrición”.
A party de Ribeira prolongarase até o domingo 15 de novembro. Deste xeito, informou o Concello, “os usuarios poderán gozar da mesma durante 60 horas ininterrompidas nas que mesmo poderán facer noite no albergue de que dispón a Casa da Xuventude”.
Fabiola García enumerou na presentación os obxectivos cos que se organiza Uxianet: “Conectar directamente uns ordenadores a outros para acadar velocidades que non se conseguirían cunha conexión caseira a Internet, grazas ao cal pódense xogar partidas e facer competicións en xogos multixogador practicamente en tempo real así como intercambiar arquivos de gran tamaño”. Tamén salientou o feito de que con encontros coma este contribúese a fomentar a aprendizaxe.
Pola súa banda, Gustavo Llovo (Birus) lembrou que a party abranguerá unha serie de actividades complementarias, por exemplo a celebración de cinco torneos (Counter strike global ofensive, League of Legends, Heartstone, Trackmania e Baskhead) e charlas en aberto sobre Airsoft (a cargo do grupo Mercenarios do Barbanza), sobre o framework Materialize (framework baseado en Material Design creado por Google para crear páxinas web totalmente responsive), sobre radioafección e receptores de TV e satélites meteorolóxicos, e, tamén, sobre creación de imaxes en 3D e 2D.

PUBLICIDADE