A publicidade na Rede medrará un 31% o ano que vén

martes, 5 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

A publicidade en Internet suma e segue, a costa da doutras plataformas como a da prensa escrita ou a televisión, e a costa –en ocasións– da paciencia do internauta, sobre todo cando falamos de publicidade (xanelas emerxentes) que interrompe a navegación.
Sexa como sexa, tamén hai que dicir que segundo os últimos estudos publicados ó respecto e con independencia de que foran instigados por empresas relacionadas coa publicade (estudos interesados), os internautas adoitan a aturar con paciencia e filosofía abondas a presenza dos anuncios na Rede, sobre todo se logo se vén beneficiados polo que consideran vantaxosos servizos de balde.
Mais imos ó miolo da cuestión: a xuízo da firma ZenithOptimedia, a publicidade nestas novas canles de información medrará un 31% en 2007, o que supón un novo pulo a Internet como plataforma receptora de negocio e cunhas taxas de crecemento situadas moi por enriba das que lle son propias agora ás canles tradicionais e que roldan o 3,9%.
Estando así as cousas, a previsión é que para os últimos días deste ano que xa enfía a recta final se teña xerado un negocio de preto de 24.500 millóns de dólares no sector dos anuncios en liña, volume que a este ritmo podería chegar ós 31.000 millóns para o ano que vén e a 42.700 millóns en 2009. Mais, a pregunta que nos podemos facer logo de ver todos estes datos é: de onde vén todo este diñeiro? E é máis: acaso o mercado está a xerar máis publicidade hoxe ca antes?
A resposta a estas cuestións, segundo ZenithOptimedia, está na crise que está a sufrir a prensa en papel, a tradicional, e non é que as empresas fagan agora máis investimentos ca hai un ano. Ou sexa, que o que se empregaba hai só uns meses ocupando a plana dunha revista ou xornal úsase agora co fin de figurar na sección de clasificados en liña ou ben en páxinas web de poxas, compras e vendas. Por países, o que máis actividade rexistra é Reino Unido, cunha taxa do 13,5 do gasto total dos anunciantes.

PUBLICIDADE