A publicidade en 2008 só medrará en medios dixitais e TDT

martes, 1 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Un estudo elaborado por Zenithmedia destaca que o ritmo de implantación da TDT fará que as previsións publicitarias nas canles dixitais pase dos 22 millóns de euros previstos en febreiro a uns 53 millóns para 2008, mentres que as televisións analóxicas verán como cae o investimento publicitario que se fai nas mesmas.
O resto de medios de comunicación tradicionais tamén están a caer, pero os medios dixitais conservan as súas previsións positivas, incrementando un 20% con respecto a 2007, e podendo acadar os 578,4 millóns de euros.
Teriamos así que os novos medios son os únicos que medran nun panorama en crise, aínda que tamén habería que destacar que é natural tal crecemento porque o seu volume de negocio (especialmente no caso da TDT) aínda é moi reducido.
O estudo non esquece que a Eurocopa poida afectar positivamente á prensa deportiva, á radio e á canle televisiva Cuatro, pero o fenómeno non chegaría a compensar a caída do mercado publicitario dada a incerteza da economía global.

PUBLICIDADE