A provincia de Pontevedra contará cunha aceleradora de proxectos turístico-tecnolóxicos

venres, 6 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha unha aceleradora de empresas ao abeiro do proxecto TurisTIC, o programa da entidade provincial para dixitalizar o sector turístico (enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e na rede de asesoramento SmartPEME para firmas, profesionais e autónomos de todas as comarcas). A palestra empresarial foi dada a coñecer por Carmela Silva, presidenta da Deputación, quen a presentou como “unha iniciativa pioneira para a adaptación do tecido turístico provincial ás novas tecnoloxías da comunicación”. A aceleradora, dixo, estará a disposición de cinco empresas e activarase de “xeito inmediato”
A presidenta da Deputación incidiu en que este proxecto vai dirixido “a persoas emprendedoras, empresarias e empresarios, persoas autónomas e profesionais e PEME da nosa provincia con interese en dar un forte impulso ao seu negocio turístico”. O obxectivo é “promover a innovación e o asentamento do talento e da creatividade na nosa provincia”, subliñou.
A aceleradora vai dispor dun programa de seguimento de cada un dos cinco proxectos; un asesor persoal do sector turístico que fará a monitoraxe e a dinamización; e formación en grupo especializada.
Todas as actuacións do Programa desenvolveranse despois entre o 16 de xullo e o 19 de outubro. Para Silva o eido turístico da provincia é “dos máis importantes e destacou que hai máis de 10.000 empresas dedicadas a esta actividade, o que representa o 34% do sector en Galicia”. E engadiu: “Pódese dicir que practicamente o 13% das empresas da provincia pertencen ao sector turístico con menos de dez traballadores e traballadoras con pouca aposta polas novas tecnoloxías”. Isto precisamente, esta falta de dixitalización (que frea a competitividade, a produtividade e a eficiencia das empresas), é o que se quere emendar co programa TurisTIC.

PUBLICIDADE