A provincia de Ourense súmase á rede 4G de Yoigo

venres, 21 de febreiro do 2014 Redacción

Yoigo vén de dar novos partes informativos sobre o estado de cousas da súa rede 4G, un tecido que este mes de febreiro esténdese, sinala a operadora, a dez provinciais máis, entre as que se inclúe Ourense. Estas son: Granada, Lleida, Huesca, Melilla, Teruel, Xaén, A Rioxa, Cantabria, Valladolid e a devandita provincia galega. Segundo informa a operadora, isto significa entre outras cousas que todos aqueles concellos con máis de 70.000 habitantes teñen dispoñíbel a rede 4G de Yoigo nas devanditas áreas xeográficas, que se suman ás 27 que xa contaban co dito servizo.
Entre elas cóntanse A Coruña, Pontevedra, Áraba, Albacete, Almería, Asturias, Badaxoz, Cáceres, Cádiz, Cidade Real, Guadalaxara, Guipúscoa, Murcia, Toledo, Zaragoza, Madrid, Málaga, Valencia, Barcelona, Alacante, Sevilla, Castelló, Córdoba, Xirona, Huelva, Tarragona e Biscaia.
A rede 4G de Yoigo, sinala a operadora, fornécese aos usuarios “sen ningún tipo de custo adicional” e está previsto que durante este ano 2014 o tecido tecnolóxico dea cuberto o resto de provincias españolas: todas as capitais de provincia e polo menos todas as cidades de máis de 70.000 habitantes. Con este despregamento, a rede 4G de Yoigo cubrirá un 48% do territorio nacional.
A operadora está a despregar a súa rede 4G na banda de 1.800 MHz, a banda que se está convertendo no estándar de roaming internacional na dita tecnoloxía de telecomunicacións, “e que permite velocidades de baixada dun máximo de 75 Mbps, cunha media de entre 20 e 40 Mbps”, explica a operadora. E engade: “No caso de que destinemos os 15 MHz dos que dispoñemos na frecuencia de 1.800 MHz a 4G, a velocidade máxima de baixada podería chegar a 112 Mbps”.

PUBLICIDADE