A provincia de Lugo foi a máis beneficiada polo Plan de Banda Larga da Xunta

venres, 6 de setembro do 2013 Redacción

O Plan de Banda Larga da Xunta posibilitou que a data de hoxe preto de 326.000 habitantes da provincia de Lugo dispoñan de acceso á Rede, tal e como indicou hoxe en rolda de prensa a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias. A máxima representante do Executivo galego en Lugo significou que na provincia hai 9.929 núcleos de poboación, dos que xa se cubriron, grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta, máis de 8.400 (un 84,7%).
Así, subliñou Arias, “a porcentaxe de poboación con cobertura pasou do 54% en 2010 a preto do 93% a día de hoxe, rexistrando o incremento máis importante de todas as provincias galegas”. Deste xeito, “o plan avanza na redución da fenda dixital entre as provincias do interior e as do eixo atlántico, que pasou dun 20% en 2010 a un 2% actualmente”.
O plan, que se puxo en marcha en 2010, é un plan a catro anos que se desenvolve de xeito progresivo nos núcleos da comunidade galega sen cobertura, nos que cuestións como a dispersión poboacional ou a orografía dificultan os despregamentos. De aí que, nalgúns concellos haxa zonas nas que xa se completaron as actuacións e noutras nas que se completarán ao longo deste ano e con cobertura vía satélite durante 2014.
O plan está a impulsar o despregamentos de redes fixas e sen fíos “e conta cun programa de axudas para a conexión vía satélite para aquelas zonas nas que non é posible facilitar o acceso a internet con ningunha outra tecnoloxía”. Estas medidas están destinadas á dotar de cobertura a todos os galegos. Pero ademais o plan ten outro obxectivo que é impulsar a implantación na comunidade.de redes de Nova Xeración (NGA) con ata 100 Mbps de velocidade.

PUBLICIDADE