A profesora da UDC Laura Castro mostra as claves da divulgación TIC en Madrid

venres, 7 de febreiro do 2020 Redacción

A profesora e investigadora da Universidade da Coruña Laura Castro, actualmente coordinadora do Grao en Enxeñaría Informática na Facultade de Informática da UDC, participou esta mañá no I Congreso Internacional de Comunicación y Redes Sociales en la Socieda, celebrado na Complutense de Madrid, onde falou da súa experiencia como divulgadora científica no programa Galicia por Diante da Radio Galega.
Como lembraremos, entre os meses de setembro de 2018 e xuño de 2019, o programa matutino que presenta o xornalista Kiko Novoa e dirixe Xosé Valiñas, incluíu entre as súas seccións divulgativas unha sobre redes sociais, que contou coa doutora Laura Castro como experta de referencia. Esta colaboración achegou ao gran público, semana a semana, diferentes aspectos das novas tecnoloxías no contexto das redes sociais, e sempre en relación con temas de actualidade. Así, durante a tempada pasada, Laura Castro explicou desde o concepto de algoritmo, a identificación de actividades constitutivas de ciberacoso, ou a propiedade intelectual do que subimos a Internet, até a importancia da diversidade ou a visibilidade das mulleres no mundo da creación de software e tecnoloxía.
Esta primeira edición do Congreso Internacional de Comunicación y Redes Sociales en la Sociedad de la Información, que ten lugar na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, é un evento que, en palabras da súa organización, pretende “explorar a influencia, alcance e impacto das redes sociais en diferentes ámbitos da sociedade da información", así como os seus “beneficios, desvantaxes, perigos e virtudes”.

PUBLICIDADE