A proba galega da Olimpíada de Robótica celébrase na Coruña o 16 de abril

luns, 21 de marzo do 2016 Redacción

O certame de robótica e intelixencia artificial World Robot Olympiad vai ter novamente sede galega. Será, un ano máis, na cidade da Coruña. O evento desenvolverase de maneira simultánea en máis de 15 cidades do ámbito estatal e nunha chea de recantos de todo o planeta. Xuntaranse mozas e mozos de idades comprendidas entre os 7 e os 19 anos. O desafío será común a todos os participantes: convidalos a amosar os seus coñecementos e capacidades creativas ao servizo da intelixencia artificial, os enxeños automáticos, a robótica e os sistemas smart. A final celebrase en Nova Delhi, na India. Para os participantes da nosa terra, o recoñecemento consistirá na obtención de prazas para participaren na fase final estatal, que se vai desenvolver a finais do verán na Rioxa.
A edición coruñesa (WRO Galicia) será o 16 de abril e virá da man de Arkitas Robótica, iniciativa local de formación e divulgación centrada en salientar a robótica e a programación “como medio de ensino complementario para outras materias, axudando aos nenos na asimilación e na comprensión da tecnoloxía”. A competición celebrarase no Colexio Compañía de María da Coruña e artellarase en tres ámbitos: o Desafío Regular (que convida aos rapaces a construír un trebello para levar a cabo diferentes probas), o Desafío Open (solucións robóticas para un reto común relacionado este ano coa xestión de refugallos) e o Desafío Football. Segundo lembran os organizadores da proba galega, o ano pasado xuntouse na Coruña medio cento de rapazas e rapaces.
A WRO, que xa conta con 10 anos de percorrido, celebrou a súa primeira competición no ano 2004 e nela participaron 12 países e 4.000 equipos. En 2013, foron máis de 42 países e en torno a 20.000 equipos de todo o mundo os que competiron nas actividades de competicións locais, autonómicas e estatais.

PUBLICIDADE