A primeira serie española de Netflix recae en mans galegas

xoves, 31 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Os galegos Teresa Fernández e Ramón Campos encabezan o proxecto de Bambú Producciones en Madrid

A revista norteamericana Variety anuncia en primicia que Netflix pechou o encargo da súa primeira serie orixinal gravada en España, que será un drama de 16 episodios ambientados na década de 1920 e centrarase en catro mulleres contratadas como operadoras de centraliñas de telefonía en Madrid.
A nova serie estará dirixida por Carlos Sedes e producida por Ramón Campos e Teresa Fernández Valdes, galegos que levan anos acumulando éxitos en Madrid coa súa compañía Bambú Producciones, e que actualmente viven un dos seus mellores momentos grazas ao éxito de series como Velvet, Gran Hotel e Seis Hermanas.

Carlos Sedes durante a gravación dun episodio de A vida por diante

Esta nova produción estará co-creada por Ramón Campos Sedes e Gema Rodríguez Neira, que correarán a cargo das historia desta serie que se estruturará en episodios de 50 minutos (duración pouco habitual en España, pero moi aceptada internacionalmente).
Cómpre destacar que Netflix xa conta actualmente no seu catálogo con Velvet e Gran Hotel, series polas que recoñecen admiración, aínda que tamén resulta interesante ver como dende Variety destacan os recoñecementos que dende Galicia reciben os profesionais de Bambú Producciones, e incluso chegan a mencionar a serie A vida por diante (dirixida por Carlos Sedes e creada por Ramón Campos).

PUBLICIDADE