A presenza corporativa na Rede centrou un seminario en Compostela

venres, 16 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Esta tarde no auditorio do Hostal do Reis Católicos celebrouse un seminario de balde dirixido a empresas e profesionais sobre a súa presenza na web e nas plataformas de redes sociais, comezando cun relatorio de Javier Rocamora, organizador do evento e experto na materia, quen falou da importancia de ter unha estratexia en liña.
Comentou detalles como a necesidade de ter obxectivos nas redes sociais, elixir nas que hai que ter presenza, analizar o retorno do investimento... ao que seguiron algúns exemplos de campañas promocionais que, baseándose en vídeos en YouTube, conseguiron unha grande repercusión, deixando claro que non sempre é preciso ter grandes orzamentos para conseguir o éxito na Rede.
No tocante ás distintas plataformas nas que ter presenza, destacou o feito de que o recordo de marca é moi superior en Twitter que en Facebook, polo mero feito de que a interacción en Twitter non é publicitaria, aínda que Facebook ten un número de usuarios moi superior, polo que vemos que cada plataforma ten un público e un paradigma, aínda que sempre débese manter certa coherencia, de aí que sexa preciso ter unha estratexia definida, para non dar pé a contradicións.
A creación de valor engadido e a produción de contidos tamén son elementos de vital importancia para poder gañar a atención do público na web.

A web como eixe da estratexia dixital

O especialista en estratexia dixital Francesc Pumarola quixo reivindicar a importancia das páxinas web nun momento no que parece que todo xira ao redor das plataformas de redes sociais.
Destacou que as páxinas web continúan a ser os escaparates das empresas, polo que deben continuar a tomarse moi en conta, e desenvolverse seguindo certos principios (sinxelas, intuitivas, informativas, lexibles, actualizadas, modificables e con datos esenciais, podendo contar tamén con zonas de promoción e ligazóns ás plataformas sociais) e estar orientadas especialmente nos clientes.
Lembrou a importancia de aparecer en Google, tendo que coidarse moito as páxinas web para posicionarse axeitadamente no buscador, para que a xente poida chegar ao noso espazo dun xeito doado e áxil. Tamén destacou a importancia de etiquetar as nosas páxinas axeitadamente para poder aparecer en Google dun xeito óptimo.
Entre os consellos de Pumarola está a creación de blogs como complemento dos nosos espazos en liña, especialmente polo ben que estas ferramentas se entenden con Google, o que potenciará a presenza en liña e contribúe á creación de marca mediante a achega de contidos de interese.

Monitorización e medición

David Serantes encargouse de abordar o tema da monitorización e o seguimento, elemento chave para analizar a nosa presenza en liña e evitar as crises de reputación.
Recomendou o uso de lectores de fluxos RSS para facer seguimento de información na Rede e de distintas ferramentas de monitorización como Google Alerts, Twazzup ou Blogpulse. E tamén instou á realización de rutinas de monitorización, permanente ou por campañas.
Unha divertida presentación na que con exemplos prácticos os asistentes puideron percibir a importancia de saber o que se comenta das empresas na Rede e de como afecta á súa reputación (de aí a importancia da vixilancia).

O meu avatar na Internet

O avogado Víctor Salgado abordou o mundo das redes sociais na Internet dende un puntos de vista legal.
Achegouse a temas como a protección de datos, a inseguridade da falta de sistemas de identificación dos usuarios, a sinatura electrónica, o comercio electrónico, os delitos informáticos e outros temas habituais no sector, como ponte para saltar ás redes sociais, das que destacou que non son realmente de balde, senón que pagamos polas mesmas cos nosos datos.
Lembrou que os cidadáns temos varios niveis de protección, de xeito que xa non temos só o dereito á intimidade, senón que tamén temos dereito á propia imaxe (dereito ao anonimato) e á privacidade (concepto máis amplo que recolle toda a información relacionada con nós).
Contrastou o regulamento norteamericano co europeo. Nos EE.UU. non teñen dereito constitucional á privacidade, senón que foi definido pola doutrina e a xurisprudencia, sen existir unha lei de protección de datos de ámbito federal e normalmente regúlase a través de diferentes políticas de privacidade e os donos dos datos son as empresas. Mentres, na U.E. temos que se recoñece a privacidade coma dereito constitucional distintos ao da intimidade, existe o dereito á protección de datos persoais, existe unha directiva europea sobre a materia e as persoas son as propietarias dos seus datos.
Afondou na evolución da privacidade en Facebook, que pasou de ser un sistema que limitaba o acceso á información a ser abrirse de xeito moi amplo á web. Incluso destacou que ao compartir contidos con máis de 20 amigos estase a facer unha comunicación pública (polo que hai que ter moito coidado co que publicamos na web).
Tamén dialogou cos asistentes sobre as dificultades de demostrar os delitos cometidos a través da Internet, e achegouse á problemática da responsabilidade dos contidos (que actualmente non é dos provedores de servizo).
Rematou chamando á revisión das licencias dos contidos antes do seu uso.

Seminarios en 2012

A xornada de balde de hoxe pretendeu ser a antesala dun ciclo de seminarios temáticos que celebraranse durante os primeiros meses de 2012, co seguinte calendario:
- 13 de xaneiro: Como crear unha conta de empresa en Facebook, Twitter, LinkedIn e Google+ e como utilizalas. Impartido por Francesc Pumarola e Javier Rocamora
- 27 de xaneiro: Obradoiro práctico sobre o uso profesional e o marketing en redes sociais. Impartido por Javier Rocamora.
- 10 de febreiro: Obradoiro práctico sobre como sacar partido a unha páxina web e saír de primeiros en Google. Impartido por Francesc Pumarola.
- 23 de febreiro: Obradoiro práctico sobre publicidade en contornos en liña. Impartido por Rubén Bastón.
- 2 de marzo: Obradoiro sobre legalidade na Internet. Impartido por Víctor Salgado.
- 9 de marzo: Obradoiro sobre tecnoloxía aplicada ao marketing. Impartido por David Serantes.
- 23 de marzo: Obradoiro práctico sobre a monitorización e o control da presenza en liña. Impartido por Francesc Pumarola.

PUBLICIDADE