A presentación dos novos iPhone poderase seguir por Twitter

martes, 11 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O 12 de setembro é un día especial para Apple, porque ás 19:00 horas celebrará un evento especial dende o Steve Jobs Theater no que previsiblemente presentarán os novos iPhone, pero este acontecemento podería ter máis relevancia en redes sociais que en anteriores ocasións, xa que Apple decidiu por fin facer uso da súa conta de Twitter, e adiante que retransmitirá o seu evento en directo por Twitter.
Deste xeito, o evento poderase seguir en directo tanto a través de streaming habitual como a través de Twitter, como xa teñen realizado no pasado para retransmitir outros acontecementos (dende retransmisións deportivas até a alfombra vermella dos Globos de Ouro).
Os rumores apuntan a que esta presentación estaría centrada principalmente no iPhone, deixando o resto de produtos de Apple para outra presentación no mes de outubro, como xa aconteceu hai un par de anos. No que se refire aos novos iPhone, espérase que reciban como nome iPhone XS, e que exista tanto unha versión con pantalla OLED de 5,8 polgadas como unha con pantalla OLED de 6.5 polgadas, no que se refire aos móbiles con alta gama, estreándose tamén un modelo con pantalla LCD de 6,1 polgadas e menores prestacións para poder chegar a un público máis amplo cun prezo reducido. Este último modelo chegaría en varias cores e incluso é posible que teña versión con dobre SIM.
Outro produto que podería presentarse é unha revisión do Apple Watch cunha pantalla de maior tamaño, mentres que a presentación de novos iPad semella que podería quedar para cando se amosen ao público novos Mac dentro dunhas poucas semanas.

PUBLICIDADE