A prensa norteamericana experimenta coa subvención de tablets para os seus subscritores

martes, 12 de xullo do 2011 Marcus Fernández

A emerxencia dos tablets como dispositivos de lectura cotiá pode verse por parte da prensa como unha ameaza ou como unha oportunidade, e dende esta última perspectiva a Philadelphia Media Network (editora de The Philadelphia Inquirer e do Philadelphia Daily News) vén de anunciar un novo plan que consiste na distribución de tablets con Android subvencionados que incluirán 4 aplicacións preinstaladas que facilitarán o acceso aos contidos dos seus xornais. Esta medida busca adaptarse ao cambio de hábitos dos consumidores, que van migrando paulatinamente do papel a ordenadores, smartphones e outros dispositivos electróncios.

Grego Osberg asegura que «ninguén nos EE.UU. empaquetou o dispositivo co contido»

O director da compañía, Greg Osberg, foi o encargado de dar a coñecer este ambicioso plana, que busca manter o nivel de beneficios da compañía pese á migración de lectores a outros soportes. De feito, a subvención de tablets é só un dos elementos dunha iniciativa máis ampla coñecida como Project Liberty da que darán máis detalles posteriormente.
Os subscritores á edición dixital dos xornais da Philadelphia Media Network poderían ter un desconto de máis do 50% do prezo das aplicacións e os tablets que adquiran dentro deste proxecto considerado pioneiro, pois segundo Osberg, «ninguén nos EE.UU. empaquetou o dispositivo co contido», o que, de funcionar, podería marcar os pasos a seguir por outras cabeceiras de todo o mundo.
Actualmente Philly.com conta con 35.000 subscritores da súa edición web, que pagan 155 dólares ao ano, polo que a base de usuarios aos que podería interesar a nova iniciativa da compañía podería ser suficiente como para que chegue a bo porto.

PUBLICIDADE