A pre-incubadora da Universidade de Vigo tutelará a 8 novos proxectos

luns, 4 de febreiro do 2013 Redacción

A Universidade de Vigo, a Cidade Universitaria e a Fundación Universidade de Vigo, para contribuír á creación de novos proxectos empresariais e fomentar o emprendemento no colectivo universitario crearon en 2011 o proxecto de pre-incubadora INCUVI no Campus de Vigo, que este ano espállase ao Campus de Pontevedra grazas á colaboración de AJE de Pontevedra. Para poder optar a esta nova plataforma convocouse a 2ª edición dos Premios INCUVI-Emprende, que recoñecen o interese dos proxectos presentados subvencionando os custos de estadía nas instalacións mencionadas durante un ano, beneficiando a 6 iniciativa sen Vigo e a outras 2 en Pontevedra.
Dos 33 proxectos presentados, recoñecéronse aos 8 gañadores nun acto de entrega dos premios no que os anteriores gañadores pasaron o relevo aos novos emprendedores, que traballarán na aplicación práctica dos resultados do I+D+i universitario a través da tecnoloxía.
Os premiados vigueses foron Monet, unha aplicación de tecnoloxías sen fíos a explotacións agrícolas, gandeiras e acuícolas; Smart Rubbish que se centra na recollida selectiva de lixos; Vid, un buscador de datos para pequenas e medianas empresas; Econova, unha rede de explotación sustentable e limpeza de montes comunais; o Edificio Modular Sustentable para a execución de vivendas e servizos dun só piso e Frogspace, proxecto centrado no desenvolvemento e validación de picosatélites. Os dous proxectos seleccionados no campus de Pontevedra foron Interartyve Books, que ten como meta a posta en marchar dunha editorial dixital especializada en arte contemporánea e Fogar 12 Fogar que une arte e repostería.
Aparte da estadía nas instalacións de INCUVI e AJE Pontevedra, os galardoados recibiron un teléfono fixo por cortesía de R, un smartphone por cortesía de Telefónica, un dispositivo de WebTV da man de Blusens e un bono formación de 1.000 euros para cada un dos compoñentes dos proxectos gañadores por cortesía da Escola de Negocios Novacaixagalicia.

PUBLICIDADE