A porcentaxe de software ilegal nas tendas baixa por vez primeira do 30%

xoves, 26 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

No medio dunha crise internacional, semella que a industria do software pechado estase a dar un respiro. Ou mellor dito: son precisamente os outros, os alleos á produción de programas, os que lle dan o respiro ao sector. Segundo datos achegados por Microsoft sobre este tipo de distribución en España, o ano 2008 foi o primeiro ano en que o índice de distribución de software copiado baixou no país por debaixo do 30%, situándose exactamente no 27,2%, o que representa unha caída de 10 puntos porcentuais con respecto ao período anterior. Neste senso, até un total de once comunidades autónomas foron quen de baixar esta porcentaxe, situándose no extremo máis e mellor aplicado Navarra (que acadou o índice máis baixo, do 11,1%, logo dunha caída de 17,5 puntos porcentuais), Balears (co 13,3%) e Illas Canarias (16,7%). No caso contrario, é dicir, entre as comunidades nas que máis probabilidades teremos de atopar nas tendas de distribución software pirateado, áchanse Estremadura (onde preto da metade dos establecementos que venden programas apostan pola copia ilegal), Asturias (co 44,4%) e Castela A Mancha (41,7%).
O informe, feito entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro sobre unha base de 826 puntos de venda de toda España, achega o seguinte dato de interese: de todos eses puntos, atopouse software sen licenza nun total de 225.
Por certo que Asturias foi unha das comunidades que acadou un meirande medre nestas prácticas: experimentou un incremento de arredor do 15% con respecto aos datos obtidos o ano anterior. Entre os gobernos que máis e mellor seguiron os ditados da industria privativa atopamos un panorama de sete privilexiados, todos eles cunhas cifras por debaixo xa do 20% de presenza de programación ilegal: Baleares, Canarias, Cantabria, Cataluña, Madrid, Navarra e Euskadi. Polo que respecta ás razóns deste descenso xeneralizado do software pirateado nas tendas, Microsoft apunta no seu estudo a varias relacionadas entre si: a acción conxunta de empresas e administracións en campañas concretas de concienciación (tanto para o que vende como para o que merca) e o gran descenso na actividade de ensamblaxe nacional (a maior parte das tendas venden equipos portátiles de multinacionais, o que supón unha caída na inclusión de copias ilegais).

PUBLICIDADE