A política e a COVID centraron a loita das plataformas anti-fake news nos últimos 4 anos

mércores, 10 de xaneiro do 2024 S. P.

A desinformación auspiciada polo mal uso das redes é un dos temas de traballo e investigación dos profesores da Facultade de Comunicación Mabel Míguez e Alberto Dafonte, coordinadores dun libro que recolle os principais resultados do proxecto de investigación, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, Narrativas digitales contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los fact-checkers iberoamericanos.
Entre as principais conclusións deste traballo figura a constatación dun medre imparábel de noticias virais baseadas en falsidades e difundidas a través das redes sociais e das aplicacións de mensaxería. Trátase, din, “dunha preocupación de primeira magnitude para gobernos e institucións internacionais”, dado que “pon en risco a estabilidade dos sistemas políticos democráticos”.
Desenvolvido ao longo dos últimos catro anos e centrado na actividade das plataformas de verificación de datos ou fact-checkers de dez países iberoamericanos, este proxecto do grupo Sepcom permitiu constatar que a política é “o eixe fundamental arredor do que xiran os contidos” producidos por estes verificadores, centrando preto do 40% das súas publicacións, como sinala Míguez. Ao mesmo tempo, explica, a infodemia xerada pola COVID-19 converteu a saúde noutra das temáticas centrais destas plataformas no período analizado.
Publicado por Comunicación Social, o libro Narrativas digitales contra la desinformación. Verificación de datos y alfabetización en la sociedad digital presenta, dun xeito divugaltivo, os principais resultados deste proxecto, xunto coas achegas de expertos e expertas de diferentes universidades españolas, da Michigan State University e da Universidad Católica de Chile.
Tras un primeiro bloque centrado nun fenómeno que, como explica Dafonte, engloba “toda aquela información falsa, imprecisa ou enganosa presentada e promovida coa intención de facer un dano público ou con ánimo de lucro”, a segunda parte do libro recolle os resultados da análise das estratexias de distribución de contidos das 17 plataformas de España, Portugal e América Latina, acollidas á International Fact-Checking Network (IFCN). Este estudo constata que o “volume de desinformación” que xera “o día a día da actividade política” nos diferentes países fai desta, como sinala Míguez, o principal eido de traballo destas iniciativas, representando preto do 40% dos contidos que publicaron en Facebook e Instagram en 2021. Non obstante, a pandemia converteu a saúde na segunda temática máis relevante nestes anos, mesmo para plataformas ata entón “orientadas case en exclusiva á verificación de contidos de tipo político”, protagonizando boatos que “circularon por varios países, relacionados sobre todo coas vacinas”.
O libro detense tamén no uso que os fact-checkers realizan das diferentes redes sociais, sendo X, a antiga Twitter, a máis empregada. Neste punto, outra das cuestións detectadas foi que, a raíz, da COVID-19, estas plataformas “incrementaron moito a súa actividade en redes sociais”, o que provocou que “as súas comunidades de seguidores aumentaran tamén dunha maneira moi significativa”, destaca Míguez. Pola contra, isto non se traduciu nun aumento significativo “das interaccións que conseguen coa súa actividade, que seguen sendo limitadas”.
O proxecto abrangueu tamén o estudo do uso que realizaban de servizos de mensaxería como WhatsApp ou Telegram, que se teñen convertido “nunha das principais vías de difusión de desinformación”, así como a produción de contidos audiovisuais para redes sociais.
A terceira parte do libro aborda diferentes “contextos de desinformación”, relacionados cos ámbitos da saúde, o feminismo e o discurso do odio xerado contra a comunidade chinesa durante a pandemia, mentres que a última céntrase na importancia da “alfabetización mediática” fronte a esta problemática.
A alfabetización mediática foi outro dos eixes dun proxecto no que se inseriron accións como o deseño dun recurso educativo aberto, dispoñíbel no repositorio Procomún, no que presentan unha serie de vídeos e unidades didácticas dirixidas a alumnado de secundaria.

PUBLICIDADE