A poboación de Ourense poderase ver ao detalle nunha nova ferramenta web

martes, 20 de marzo do 2018 Redacción

A semana pasada a Deputación e a Asociación de Construtores de Ourense presentaron unha iniciativa tecnolóxica para afondar no coñecemento da provincia dende os puntos de vista demográfico e urbanístico. Trátase, máis polo miúdo, do proxecto Xeovivenda Ourense, unha ferramenta web que achega información sobre o parque de vivenda da provincia (e sobre a distribución da poboación) e cuxo desenvolvemento é froito da colaboración entre as dúas ditas entidades. Segundo fixo saber a Deputación, a plataforma complementará o labor que desprega o Observatorio Económico provincial e fornecerá (“de maneira áxil”) datos xeorreferenciados e análises de todo Ourense, dos concellos e mesmo de cada inmóbel.
“Isto”, sinalou o presidente Manuel Baltar, “converte a ferramenta nun recurso moi axeitado para as administracións á hora de decidir determinadas políticas en materia de vivenda, e tamén para os cidadáns para propoñer cuestións que teñan que ver, por exemplo, coa eficiencia enerxética”.
Xeovivenda Ourense permite que as administracións públicas teñan datos concretos da contorna, como por exemplo que a provincia conta con 3.653 núcleos de poboación, dos cales o 90% deles teñen menos de 100 habitantes. Ou, tamén, que 149 núcleos de poboación están deshabitados neste intre. “Estas informacións van ser de utilidade para tomar decisións que serán máis acertadas e irán mellor encamiñadas ao ter a fiabilidade que nos outorga un instrumento destas características”, engadiu Baltar.
Os obxectivos do proxecto son os seguintes: axudar ás administracións e ao sector da construción na toma de decisións no eido da vivenda na provincia, ofrecer aos propietarios información sobre as posibilidades de mellora que ofrece a súa vivenda desde a perspectiva da eficiencia enerxética, e crear a base que permita nun futuro contar cun cadro de mando xeoreferenciado da provincia de Ourense.

PUBLICIDADE