A plataforma web do comercio local de Ponteareas activarase con preto de 60 incorporacións

xoves, 18 de febreiro do 2021 S. P.

A Concellaría de Promoción Económica e a Federación de Comercio, Hostalaría e Servizos, Banastra, están a ultimar os detalles para a posta en marcha da plataforma escaparate do comercio local de Ponteareas, Fai Ponte Con Nós. Trátase dun servizo tecnolóxico abeirado ao plan Dixitaliza o teu negocio, que incluíu plans de formación e asesoramento individualizado para os comercios de Ponteareas e a planificación de estratexias empresariais adaptadas ao novo contexto.
En palabras da concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, “esta plataforma escaparate para o comercio de Ponteareas está pensada para facilitar aos comercios a mellora do seu posicionamento online, e permitirá facer buscas para atopar os locais que a clientela ten preto, visualizar os establecementos e contactar con eles así como saber onde se atopan a través da súa xeolocalización”. Ademais, indicou, disporá dun bloque de actualidade que irá renovándose en función das novidades e iniciativas que afecten o comercio local de Ponteareas.
O sitio web contará inicialmente con 58 establecementos divididos en catro categorías: comercio, servizos, alimentación e hostalería.
A previsión é que a estes primeiros establecementos vaian sumándoselles outras incorporacións nas seguintes fases.
O obxectivo “é desenvolver o potencial que ten todo o tecido empresarial do municipio e axudar na súa adaptación ás novas circunstancias do mercado e aos novos hábitos de consumo, sen perder a esencia do comercio local, de tempada e de proximidade”, sinalou a edil.

PUBLICIDADE