A plataforma mundial Code.org xa conta co apoio dos ex-presidentes do Goberno

mércores, 11 de agosto do 2021 S. P.

Os ex-presidentes do Goberno Felipe González, José María Aznar e José Luis Rodríguez Zapatero mostraron o seu apoio á iniciativa Code.org, sendo Mariano Rajoy o máis recente en incorporarse a esta iniciativa para promover no mundo o pensamento computacional, a programación, as profesións STEM e, en definitiva, un tipo de emprendemento máis baseado na información e máis sustentábel.
En España, amais dos devanditos, xa se sumaron a Code.org, entre outros, o presidente de Telefónica, José María Álvarez-Pallete, a directora executiva de Asti Mobile Robotics Verónica Pascual, a xornalista Sonsoles Ónega, ou a compañía ITP Aero do Grupo Rolls-Royce.
A nivel internacional, fixérono persoeiros tan destacados como os políticos Barack Obama e Justin Trudeau, ou os emprendedores Jeff Bezos (Amazon), Susan Wojcicki (YouTube), Mark Zuckerberg (Facebook), ou Bill e Melinda Gates (Microsoft).
Code.org é un movemento global impulsado por grandes personalidades, que promove a aprendizaxe da linguaxe da programación en idades temperás. Un movemento inclusivo, con foco nas mulleres, que achega contidos formativos gratuítos traducidos a máis de 60 idiomas.
En palabras de Mariano Rajoy, “Code.org é un movemento mundial que ten como obxectivo fomentar a linguaxe da programación, promovendo que os nenos estuden a programación como no seu día estudabamos o inglés, dous presupostos básicos para ser mellores no mundo no que vivimos. É importante que aínda que non sexamos programadores, comprendamos e entendamos a linguaxe da programación”.
E engade: “No mundo, ao longo da historia, houbo toda sorte de revolucións que ao final deron lugar a maiores niveis de benestar e progreso. Hoxe en día, a linguaxe da programación é unha nova revolución, e todos aqueles que saiban aproveitala verán como mellora o seu benestar, á vez que progresa o mundo no que vivimos”.
Hadi Partovi, director executivo (CEO) e fundador de Code.org, analiza positivamente a nova incorporación do ex-presidente galego, que fai medrar a presenza da organización en Europa: “Cremos no poder transformador que supón a unión de forzas do sector público, privado, institucións, personalidades e referentes sociais. Por este motivo agradecemos a implicación de Mariano Rajoy para sumarse a outros referentes globais, co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre a importancia da aprendizaxe do pensamento computacional a idades temperás; derrubando calquera fenda de xénero, salarial ou social que puidese existir a través da sensibilización, as políticas públicas, a formación e os contidos. A revolución debe ser inclusiva e xusta”.

Poñendo o foco nas escolas

Code.org é unha organización sen ánimo de lucro dedicada a expandir o acceso ás ciencias da computación nas escolas, e a incrementar a participación de mulleres novas e estudantes de grupos subrepresentados. A súa misión é “que todos os estudantes, en todas as escolas do mundo, teñan a oportunidade de aprender ciencias da computación como parte da súa educación básica”.

O ex-presidente Mariano Rajoy protagoniza o último vídeo en apoio a Code.org

PUBLICIDADE