A plataforma galega Fenix incorpora módulo de sinatura manuscrita

xoves, 21 de xullo do 2016 Redacción

A firma galega SIVSA presentou este verán unha novidade importante relativa á súa plataforma Fenix (xestión clínica na nube). Trátase, máis polo miúdo, dunha nova funcionalidade a engadir ao bo número de aplicacións cos que xa conta a plataforma: o módulo de sinatura manuscrita. Segundo informa a empresa, esta funcionalidade está operativa dende este mes de xullo e con ela achégase a posibilidade de facermos consentimentos informados coa seguridade (técnica e xurídica) que implica o feito de seren manuscritos. A inclusión deste novo servizo responde á política de Fenix relativa á seguridade da información clínica, a LOPD e o cifrado de datos.
Con esta nova funcionalidade, achegada grazas á colaboración de SIVSA coa firma catalá ValidatedID, garántese que as partes non podan manipular o documento nin acceder aos datos biométricos. Con este novo módulo SIVSA pretende “afianzar a confianza que depositan os clientes de Fenix, dando robustez e fortalecendo o signo de identidade da plataforma, que é a seguridade e a información”.
Como recordaremos, Fenix é un software de xestión clínica na nube especialmente pensando e optimizado para médicos e clínicas de pequenas dimensións. A plataforma foi desenvolvida por SIVSA, empresa galega referencial en solucións informáticas para a saúde, con máis de 25 anos de experiencia e presenza en máis de 30 hospitais en seis países diferentes. Con Fenix, informan os responsábeis de SIVSA, podemos controlar e axilizar de maneira rápida e intuitiva los procesos que se levan a cabo nas clínicas. Todos eles son centralizados en Fenix, dende a chamada para solicitar unha cita até a facturación dos servizos (tanto ao propio paciente como a unha aseguradora).

PUBLICIDADE