A plataforma eMonte, premiada pola Deputación da Coruña

luns, 15 de maio do 2017 Redacción

A plataforma dixital eMonte.es, unha iniciativa compostelá dirixida a tirar partido das novas tecnoloxías para favorecer a compravenda de madeira na nosa terra, vén de ser recoñecida pola Deputación da Coruña nos seus premios ás mellores propostas empresariais da provincia. O galardón foille concedido á plataforma de Santiago na noite deste 13 de maio, de mans do presidente da Deputación, Valentín González Formoso. Como lembraremos, eMonte é un proxecto innovador que pon en xogo un servizo tecnolóxico a xeito de comunidade onde se axiliza a compravenda de madeira entre propietarios e propietarias forestais e empresas. Ao mesmo tempo, lóitase por recuperar os nomes tradicionais do monte galego e máis os usos racionais e respectuosos co medio.
Na I Edición dos Premios ás Mellores Iniciativas Empresariais da Provincia, celebrada e resolta na Finca Montesqueiro de Oleiros, tamén se outorgou un galardón a Encapsulantes de Valor Añadido (EVASA), que foi recoñecida como a mellor iniciativa empresarial consolidada. A compostelá eMonte obtivo o premio na categoría de empresas novas, de menos de doce meses de antigüidade. Cada unha das galardoadas recibiu un premio de 25.000 euros.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi o encargado de entregar os galardóns a ambas as dúas empresas, das que salientou a súa “gran capacidade de innovación, un compoñente que levan inscrito no seu ADN e que lles permitiu destacar entre as 70 empresas que se presentaron aos premios”. O titular o Goberno provincial explicou que un dos obxectivos principais dos premios é “estimular o carácter emprendedor dos coruñeses” porque "a riqueza dun país non se mide só polo seu Produto Interior Bruto, senón pola súa capacidade para atraer e aproveitar o talento das persoas”. Segundo fixo saber, outro dos obxectivos do certame convocado pola Deputación foi “o recoñecemento ao esforzo diario de miles de autónomos, empresarios e empresarias que co seu traballo diario contribúen a xerar emprego, oportunidades e crecemento na provincia da Coruña”.
As dúas empresas premiadas pola Deputación sobresaíron entre as setenta participantes no certame por incluír no seu modelo de negocio, en palabras do xurado, “valores coma o traballo en rede, a aposta decidida pola calidade, o fomento de boas prácticas de xestión empresarial e de políticas de responsabilidade social corporativa ou a vocación de expansión”.
Segundo se fixo saber, a compostelá eMonte é unha start-up de recente creación que pretende cubrir a eiva provocada pola falta de relevo xeracional na explotación forestal dos montes galegos. A través dunha aplicación en liña, fornece unha opción de negocio “sinxela e atractiva” para os propietarios dos terreos, facilitando que se agrupen e que atopen compradores.

PUBLICIDADE