A plataforma dos OP da Coruña serviu para decidir o destino de 7 millóns de euros

luns, 31 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello da Coruña quere impulsar os seus Orzamentos Participativos (OP) en 2019 ao tempo que os fai máis diversos e plurais e avanza no espallamento definitivo da plataforma tecnolóxica que lles dá acubillo e alicerce: https://aportaaberta.coruna.es. Todo isto foi dado a coñecer con motivo do publicación da nova edición do programa, a cuarta. A concelleira Claudia Delso, na achega de datos, tamén fixo balance do acadado a través da dita plataforma dixital, que dende 2016 serviu para que a cidadanía decidise o destino de sete millóns de euros de investimentos OP.
Como novidades concretas da nova convocatoria de 2019, destinarase un total de 81.818,18 euros (30.000 euros máis que no presente exercicio) ao contrato do servizo. Nel inclúense a coordinación da execución do programa do 2019 e todas as accións e iniciativas que se celebren ao longo das catro fases (informativa, apoio, avaliación e votación final) nas que se desenvolven os Orzamentos Participativos.
Segundo explicou o Concello, a adxudicataria da licitación deberá “garantir a posibilidade de participación de toda a cidadanía neste proceso a través da organización, mediación e produción de diversos encontros presenciais; ademais de prestar o apoio sobre o proceso telemático que precise á veciñanza”.
Cousas polas que apostou a cidadanía
Así, ao longo destes tres anos, grazas á actividade da veciñanza na plataforma tecnolóxica dos OP executáronse unha manchea de propostas, todas elas co nexo común de contribuír á mellora da calidade de vida da Coruña. Entre estas medidas atópanse solucións aplicadas á mobilidade peonil e ciclista ou para a realización de trámites e xestións a través de dispositivos móbiles. Entre os proxectos escollidos pola veciñanza, que se poden consultar tamén na plataforma, sitúanse o aumento de arborado na cidade, a renovación da sinalización horizontal e vertical do carril bici no Paseo Marítimo, o aumento da infraestrutura ciclábel no termo municipal, a recuperación do conxunto escultórico dos xardíns de Méndez Núñez, a creación de hortas urbanas ou o deseño dunha aplicación móbil para o pago e recarga da Tarxeta Millennium, entre outras iniciativas.

PUBLICIDADE