A plataforma dixital MeuBook dá acubillo ao catálogo da Fundación Camilo José Cela

xoves, 12 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

MeuBook, a plataforma de contidos dixitais impulsada pola imprenta santiaguesa Tórculo, vén de anunciar unha nova incorporación ao espazo de seu: o catálogo de obras da Fundación Camilo José Cela. Esta colaboración, materializada este mes de abril, ten por obxectivo a difusión das obras da devandita entidade, e, a maiores, achegar o legado do Premio Nobel de Literatura ás novas xeracións, plenamente afianzas no emprego das ferramentas e redes tecnolóxico-sociais.
Meubook, plataforma en liña que opera nas novas canles de xestión, difusión e venda, pon á nosa disposición, grazas a este acordo, achegas como a revista de creación literaria El Extramundi y los papeles de Iria Flavia, así como a publicación creada e dirixida polo propio escritor, entre 1956 e 1979, Papeles de Son Armandans. Tamén se poderá acceder á colección de contidos en liña de A xoubiña voadora, así como a novos contidos que edite a Fundación en datas vindeiras e tanto en formato dixital como en feitura tradicional. “Deste xeito”, informan, “a Fundación pretende achegarse a novos usuarios e fomentar a lectura, a creación literaria e a investigación en todo tipo de soportes e formatos, uníndose a un proxecto editorial punteiro como é MeuBook”.