A plataforma de ideas Ninktec sae ao mercado dende a Tecnópole

venres, 17 de decembro do 2010 Raquel Noya

Se hai algo que lle dea ánimos a uns empresarios que comezan a súa andaina nunha época marcada por unha profunda crise como é a actual, iso é recibir un Premio ao Mellor Proxecto Empresarial, e máis aínda se ese premio vén da man do Máster de Creación, Dirección e Innovación na Empresa pois significa que as cousas se están a facer ben e que a entrada no mercado vai ser, cando menos, reconfortante.
É o caso de Pablo Gutiérrez e os seus socios, Alexandro Pereiro e Marcial Rodríguez que, dende a Preincubadora de empresas que a Universidade de Vigo ten na Tecnópole, saen ao mercado coa súa plataforma de ideas Ninktec, co obxectivo en mente de “axudar a outros a emprender as súas propia ideas de negocio”.
Trátase dunha plataforma social, tanto física como virtual, de desenvolvemento de proxectos software, “onde se atopan persoas que teñen ideas con outras persoas que saben e queren desenvolver produtos innovadores”, aclara Gutiérrez.
Como axuda para este comezo, os mozos empresarios contan cun niño na Tecnópole, que tamén lles ofrecerá asesoramento e apoio, e cun financiamento de 3000 euros procedente de Novacaixagalicia.
A ubicación na Preincubadora de empresas da Tecnópole permitiralles, segundo apuntou a súa directora, Luisa Pena, “non só o uso gratuíto dos seus servizos senón tamén estar con outras empresas que xa levaron a bo fin o seu proxecto empresarial”.
Malia que o proxecto Ninktec aínda se atopa en fase de desenvolvemento, os seus promotores contan con lanzar a primeira versión do sistema no mes de febreiro, coincidindo co final de exames na universidade con vistas a lograr un maior éxito na procura de membros para desenvolver proxectos.
A plataforma virtual será o seu principal escenario de traballo e nela, os usuarios que teñan unha proposta poderán rexistrarse, compartir as súas ideas cos membros da comunidade e pórse a traballar no seu desenvolvemento cos que efectivamente estean interesados.
O obxectivo é segundo Pablo Gutiérrez “romper o medo a contar as ideas e impedir que acaben morrendo nun caixón por medo a que nolas copien”.
Como modelo de negocio, a filosofía da comunidade é que a propiedade do produto final se divide entre todas as persoas que pertencen ao proxecto a través dun sistema de porcentaxes, co lema de que “a idea sen desenvolvemento só é unha idea e o desenvolvemento sen idea só son liñas de código”. Chegado o momento da comercialización do produto final, o propietario poderá facelo pola súa conta ou aproveitar os servizos de aloxamento e lanzadeiras de produtos de Ninktec.

PUBLICIDADE