A plataforma MOOC de Telefónica e Universia acada os 2 millóns de alumnos

mércores, 2 de marzo do 2016 Redacción

MiríadaX, a plataforma docente lanzada por Telefónica Educación Dixital e Universia, vén de cumprir tres anos de vida e os seus responsábeis fixeron reconto do acadado a través dela, nas súas palabras “a primeira plataforma iberoamericana de MOOC (cursos masivos, de balde e en liña) adicada en exclusiva á educación superior en castelán e portugués”. Segundo fan saber, MiríadaX chegou xa á cifra de 2 millóns de alumnos, cunha taxa de medre superior aos cen mil matriculacións mensuais, o que supón un 7,5% de crecemento sostido mensual en 2016.
Arestora a plataforma fornece un catálogo de 380 cursos e conta con 77 universidades adheridas e un claustro formado por máis de 1.700 docentes iberoamericanos. España é o primeiro país europeo produtor de iniciativas MOOC para MiríadaX, co 27% do total.
Entre os obxectivos da iniciativa figuran, como lembraremos, o de favorecer a universalización do coñecemento. Con este fin, subministra en aberto unha extensa listaxe de curtos a baixo custe, achega servizos de comunidade de ensino e mantense a aberta a novos modelos de aprendizaxe e innovación. Segundo os datos recolleitos por MiríadaX Lab, o 93% dos alumnos está satisfeito ou moi satisfeito da súa experiencia na plataforma, mostrando nun 90% un interese moi alto por seguir formándose con MOOC. A media de alumnos por curso sitúase ao redor dos 5.000 alumnos, acadando algún deles os 30.000, e reportando unha taxa de finalización do 23%, “un dos cocientes máis elevados en aprendizaxe en liña”, sinala Telefónica Educación Dixital.
Os alumnos de MiríadaX poden formarse en todo tipo de ámbitos diversos, como por exemplo dirección de empresas, programación nas súas máis variadas facianas, idiomas, finanzas ou axilidade nos negocios.

PUBLICIDADE