A plataforma É-Saúde procurará unha mellora da alfabetización sanitaria

martes, 18 de agosto do 2015 Redacción

O Servizo Galego de Saúde está a traballar na Plataforma É-Saúde para a mellora da alfabetización sanitaria, que é a capacidade dos individuos para obter, procesar, comprender e aplicar a información sobre saúde e tomar así as decisións máis axeitadas en relación con ela.
En concreto, trátase dunha ferramenta tecnolóxica de personalización de servizos para o paciente, que fai que de forma ergonómica e dende calquera lugar e dispositivo (ordenador, móbil, tableta...) este poida acceder a servizos e contidos personalizados en función do seu perfil, tanto se é un paciente como se é un cidadán san que quere colaborar activamente na promoción da súa saúde e na prevención de enfermidades.
O SERGAS pretende coa Plataforma É-Saúde desenvolver novos modelos de comunicación coa sociedade; impulsar a dispoñibilidade de canles de comunicación dixital; e propiciar unha actitude proactiva dos cidadáns, que permita conseguir servizos máis eficientes e cidadáns mellor informados, máis implicados e con un maior nivel de autonomía.
Para asegurar que a participación de pacientes fora activa e que se traducira en melloras para o proxecto, planificáronse 6 talleres sobre a Plataforma con representantes do Consello Asesor de Pacientes entre febreiro e novembro deste presente ano.
A Plataforma É-Saúde está actualmente en desenvolvemento e empezará a funcionar de forma piloto no último trimestre deste ano. Abordouse nun 80% con Fondos FEDER, e o 20% restante foi aportado pola sanidade pública galega, dentro do marco e normativa das iniciativas H2050 e Innova Saúde e está relacionada co Fogar Dixital, outro dos proxectos que está a poñer en marcha o SERGAS.

Funcionamento da plataforma

A Plataforma disporá de distintos niveis de acceso, mantendo a seguridade, a confidencialidade e o rigor necesarios ao uso que se queira facer da mesma. Calquera cidadán galego, previamente identificado, e cun máximo nivel de seguridade, poderá acceder á súa historia clínica, imprimir os seus informes de alta, probas radiolóxicas ou de analíticas.
De forma máis aberta, sen necesidade de identificación previa, os usuarios que o desexen poderán entrar na Plataforma e atopar páxinas web relacionadas cun determinado problema de saúde, así como acceder a fichas informativas, asociacións de pacientes, foros e chats de comunidades, toda a oferta formativa da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, vídeos sobre campañas sanitarias, etc.
A tecnoloxía 2.0 desenvolvida na Plataforma É-Saúde permitirá identificar as necesidades e intereses do paciente segundo o seu perfil, propoñendo material que poida ser do seu interese de acordo con buscas previas. A intención do SERGAS é que o coñecemento xerado en calquera dos seus distintos departamentos, como guías, procedementos ou recomendacións para pacientes, sexan facilmente accesibles para os cidadáns galegos a través dun buscador.
Comunicarse con outros pacientes e con profesionais a través de comunidades virtuais e establecer alertas, recordatorios, metas e obxectivos de saúde para o coidado da súa propia saúde serán algunhas das actividades que poderán levar a cabo os usuarios dende calquera dispositivo electrónico.
A Plataforma estase levando a cabo por unha comisión de desenvolvemento liderada dende Servizos Centrais do SERGAS, na que participan a Subdirección de Atención ao Cidadán e Calidade, a Dirección de Saúde Pública, a Dirección de Sistemas de Información e a Dirección de Asistencia Sanitaria, co soporte tecnolóxico da empresa adxudicataria do Proxecto a través de Procedemento Aberto (HP).

PUBLICIDADE