A plataforma Descúbreas pon en marcha a súa terceira edición cunha gran festa en Vigo

xoves, 16 de febreiro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, en colaboración con Regalamúsica, preparou unha nova edición (a terceira) do programa Descúbreas, a plataforma tecnolóxica para fomentar o talento feminino ma industria musical. O tiro de saída da nova convocatoria foi este mércores 15, coa celebración, na sede de Vigo da institución provincial “dun grande evento de apertura en formato gala-concerto”. A gala foi conducida por dúas das rapazas mentorizadas nas anteriores edicións: Xía Rodríguez e Alba Nogueira (A Riso), ambas as dúas tamén estudantes da ESAD de Vigo, que na cita tiveron ocasión de presentar as súas recentes creacións musicais.
No transcurso da gala a presidenta Carmela Silva reivindicou a necesidade de “rachar coa fenda de xénero na música” remarcando que “as mulleres son maioría nas escolas e música e conservatorios pero seguen a ter grandes dificultades para construír unha carreira musical”.
Descúbreas, que ten conseguido xa o Premio Martín Códax da Música ao mellor espazo de comunicación e divulgación musical, trátase, en palabras da presidenta provincial, “dun dos proxectos aos que lles teño máis afectos, que busca romper coas inxustizas que existen na industria musical a través dunha plataforma e un programa de mentorado para oito rapazas que, ademais de participar da formación tamén se relacionan con promotoras e produtoras musicais”.
Durante a gala-concerto cinco das oito rapazas que participaron na segunda edición presentaron en vivo por primeira vez os seus temas elaborados durante Descúbreas: Ane Swan interpretou Queen among shadows, A Riso I eu?, Caro Lemos actuou co seu tema Despiértate, María Gabeiras presentou Impuntual e, finalmente, Sara Casas interpretou Silencio. Todas elas volveron subir xuntas ao centro da sala Rosalía de Castro (na sede da Deputación en Vigo) para sorprender coa segunda gran sorpresa musical da noite: un retrouso do tema Penélope de Guadi Galego en homenaxe á artista galega, que actuou como madriña do programa ao participar no concerto de despedida da 1ª edición de Descúbreas no Castelo de Soutomaior, e cuxa canción Matriarcas foi ademais a escollida para a primeira peza colaborativa que o programa elabora todos os anos coas escolas de música da provincia. Ademais Xía Rodríguez e A Riso protagonizaron, en palabras da Deputación, “un dos momentos máis especiais da noite”: a súa actuación a dúo co tema Ya no da propia Xía Rodríguez.
Novidades
Descúbreas “vén cargada de máis novidades nesta 3ª edición”, informou a institución provincial, engadindo que a axenda inclúe un Universo laboral, xornada de networking con empresas, profesionais e artistas do sector, e tamén promocionarase en feiras e foros a nivel estatal e internacional, crearanse vídeos-resumo en inglés para ampliar a sua proxección mundial e tamén incluirase un novo contido específico no seu boletín en liña semanas e nas redes sociais: Domingo con elas. Trátase dunha nova sección que cada domingo ofrecerá información sobre un contido musical ou transversal de artes e disciplinas como a escrita, o cine ou a fotografía, para dar a coñecer documentais, libros ou exposicións relacionadas con mulleres da industria musical.
O programa de mentoría é un dos eixos centrais de Descúbreas. Este ano serán de novo outras 8 nenas e mozas da provincia quen poderán iniciar os seus pasos profesionais na música, da man de mulleres referentes do sector en Galicia.
Durante as sesións, as mozas participantes recibirán formación musical transversal, obradoiros e charlas impartidas por profesionais, e gravarán cadanseu tema e vídeo-clip que tamén serán lanzados nas principais plataformas de streaming e venda en liña.
Nesta edición de Descúbreas tamén se seguirán gravando vídeo-entrevistas a artistas sobre a situación das mulleres na música, vídeo-titoriais, distribuirase a newsletter semanal, ampliarase o directorio de mulleres profesionais, realizarase un novo vídeo colaborativo coas escolas de música da provincia (coas que se seguirán tecendo redes activas para construír un grupo activo inmerso na cultura feminista), prestarase o servizo de consultoría en liña para dar resposta ás inquedanzas das estudantes de música e, ademais, redeseñaranse e actualizaranse todos os contidos da plataforma web, na que tamén se difunden as principais novas e eventos de música en feminino.

PUBLICIDADE