A penetración da TDT en Galicia sitúase 10 puntos por debaixo da media nacional

xoves, 19 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A pouco máis dun ano para que se produza o apagón analóxico definitivo no noso país, as cifras da penetración da televisión dixital terrestre (TDT) en Galicia non son nada satisfactorias ao situarse nun 35,9 por cento, case dez puntos por debaixo da media nacional (45,2 por cento), segundo reflicte un estudo sobre a situación da TDT en Galicia elaborado por Ses Astra.
O informe revela, asemade, que a audiencia da TDT en Galicia se sitúa nun 19 por cento, fronte ao 21,9 por cento de España, unha cifra que nos coloca na zona media-baixa no ámbito nacional.
O estudo tamén revela, dos galegos que xa reciben a TDT nos seus fogares, máis de 250.000 teñen un sinal defectuoso ou nulo debido a factores como a morfología do terreo, a dispersión da población ou os aspectos técnicos e operativos asociados á rede de difusión terrestre.
No caso da provincia da Coruña, 110.000 habitantes, sobre todo da Costa da Morte, teñen problemas ou non poden ver a TDT, unha cifra da que están lonxe en Lugo (con máis de 30.000 persoas con mala sinal), en Pontevedra (con preto de 80.000) ou en Ourense (con 32.000), pero que seguen sendo elevadas a estas alturas.

PUBLICIDADE