A páxina web do 112 fai reconto das consultas realizadas no 2009

luns, 25 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

O Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia vén de facer reconto das consultas realizadas no pasado ano a través da súa páxina web e os datos son unha mostra reveladora do incremento do uso de Internet na poboación galega, ao ter recibido un total de 1.128.594 consultas durante o ano 2009, das que o 52,5 por cento foron feitas no ultimo trimestre, e estiveron relacionadas na súa meirande parte en consultar o mapa de incidencias no tempo da Comunidade.
Asemade, xestionáronse 186.867 incidencias, o que supón un incremento dun 10,2 por cento con respecto ao 2008. Pola contra, o número de chamadas recibidas ó 112 reduciuse por primeira vez, ata un numero de 1.811.605, (un 9,3 por cento menos das recibidas no 2008), o que significa unha maior concienciación da xente á hora de recorrer a este servizo, e polo tanto unha maior eficiencia e eficacia no mesmo.
Tamén cabe resaltar que durante o ano 2009 enviáronse 9.403 faxes relacionados con fenómenos de meteoroloxía adversa aos distintos organismos encargados da prevención e da actuación cando se producen este tipo de previsións meteorolóxicas. Nesa liña, dende o 112 enviáronse máis de 50.000 mensaxes de texto a móbil dirixidos a responsables de organismos oficiais.

PUBLICIDADE