A páxina web de Terras de Burón, premiada pola Deputación de Lugo

xoves, 2 de setembro do 2021 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este xoves 2 de setembro, no Pazo Provincial, o fallo dos segundos premios á hostalería e ao turismo da provincia. Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense o xurado distinguiu ao Xeoparque Mundial Montañas do Courel; a web Terras de Burón; a Aldea de Turismo Rural O Mazo, no Courel e o Concello de Viveiro; e na de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañou a Asociación de Criadores da raza Porcina Celta (ASOPORCEL).
Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer publicamente “o traballo e a dedicación das distintas empresas, persoas, institucións ou entidades a favor do desenvolvemento, do fomento e da promoción turística provincial, a traxectoria profesional e a posta en marcha de actuacións innovadoras e exemplares que teñan unha repercusión positiva no ámbito do turismo ou da gastronomía lucense”.
Os premiados, máis en detalle
Na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense, o xurado acordou distinguir a catro proxectos turísticos e entidades da provincia en función duns méritos e características propias que axudan a promover un turismo de calidade na provincia. Son as seguintes:
- O Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel resultou recoñecido polo seu proxecto baseado no patrimonio xeolóxico de relevancia internacional, a posta en marcha de iniciativas de xeoconservación e divulgación, e o impulso do desenvolvemento económico e cultural a través do turismo xeolóxico.
- A páxina web Terras de Burón (www.terrasdeburon.es/es/), impulsada polos concellos de Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada, foi premiada polo xurado pola súa labor de fomento e promoción turística deste territorio da Montaña lucense. Esta páxina e as súas redes sociais adáptanse ás novas tecnoloxías e integra as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) na experiencia turística.
- O Concello de Viveiro resulta premiado polo seu proxecto Viveiro ante o Berce, unha iniciativa turística que se celebra época de Nadal “cun importante impacto no municipio pero tamén na provincia”, salientou o xurado.
- A Aldea de Turismo Rural O Mazo, no Courel, recibe o galardón ao turismo lucense por desenvolver iniciativas singulares en Galicia tras a recuperación dun espazo de turismo rural de 2 hectáreas de terreo e de infraestruturas que estaban abandonadas.
Polo que respecta á categoría ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense, foi galardoada a Asociación de Criadores da raza Porcina Celta (ASOPORCEL) polo seu traballo de recuperación e conservación da única raza porcina autóctona de Galicia, predominante a primeiros do século XX, pero que pasou a ser unha actividade residual.
Os premios Lugo Cambia ao turismo lucense e ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense teñen un carácter honorífico e consistirán na entrega dun diploma acreditativo e dun agasallo que nesta ocasión será unha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo de Gundivós. O día 27 de setembro, Día Mundial do Turismo, está previsto a celebración dun acto de entrega das distincións no salón de actos do Pazo de San Marcos.
Na primeira edición destes galardóns, celebrados o ano pasado, foron recoñecidos o Concello do Vicedo, a asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra, co premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense; e a aplicación móbil Xantarda e o restaurante Cantábrico da Fonsagrada, con ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense.

PUBLICIDADE