A páxina web de Muy Interesante experimentou un importante crecemento de visitas en abril

mércores, 13 de maio do 2009 Marcus Fernández

OJD rexistrou un incremento importante de visitas, páxinas e usuarios durante o mes de abril para a edición en liña da revista Muy Interesante

Os datos de OJD do mes de abril amosaron unha caída xeneralizada do tráfico na meirande parte das páxinas web auditadas por mor da celebración da Semana Santa, pero hai casos excepcionais a ter en conta coma o da revista Muy Interesante, que multiplicou por 8 as súas visitas, fenómeno que pode explicarse grazas ao tráfico achegado polo blog Microsiervos (que lembremos que conta con máis visitas que publicacións xeneralistas coma o Faro de Vigo ou El Correo Gallego), o que debería chamar á reflexión sobre a relación entre medios tradicionais e publicacións puramente dixitais, que podería ser moi beneficiosa para ambas partes.
Por outra banda, dentro dos medios xeneralistas tamén puidemos comprobar como La Voz de Galicia pasou dun 10º posto en visitas e páxinas vistas a ocupar os postos 8º e 9º respectivamente. En número de visitas tamén o Faro de Vigo pasaría dun posto 28 en marzo a un 16 en abril; El Correo Gallego tamén experimentaría un ascenso notable pasando do posto 47 ao 33, mentres que La Opinión e Galiciaé incrementaron as súas posicións en 15 e 14 postos respectivamente. Entendemos así que os medios galegos non acusaron o descenso de audiencia propia do mes, posiblemente por mor do cambio de Goberno da Xunta.

PUBLICIDADE