A páxina web de Movistar incluíu código malicioso para o minado de criptomoedas

venres, 29 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Non parece que Movistar vaia lembrar 2017 con moita ledicia, pois resultou un ano moi negativo no capítulo da seguridade informática, xa que foron vítimas dun ransomware no mes de maio que os levou a ter que deixar de usar ordenadores durante toda unha xornada na que estiveron corrixindo a súa seguridade interna, e hai poucas semanas desvelouse que durante anos o sistema de centraliñas virtuais Centrex IP tiña un grave fallo de seguridade que facía moi doado que un cliente puidese acceder ao control do servizo do resto, afectando a grandes empresas como Dragados, ou o Grupo IFA. Non conformes con todos iso, onte nos seus foros advertiron dun fallo de seguridade na páxina web de Movistar, na que apareceu un código malicioso (CoinHive) que empregaba os ordenadores dos visitantes para minar criptomoedas, que semella que foi ignorado pola compañía (pese a que o software de seguridade informática como o de NOD32, Kaspersky ou Avast alertaban con só visitar tal páxina web) até que o asunto chegou a ForoCoches, precipitando o eliminado do código malicioso a media mañá.
Desta volta sorprende tanto o feito de que a unha grande compañía de telecomunicacións se lle puidese coar un código malicioso na súa páxina web principal como o feito de que tardasen tanto tempo en solucionar o problema. Tamén resulta moi difícil de crer a explicación do sucedido que deron a algún medio, pois aseguran que probaran a instalar o código malicioso para probar medidas de seguridade contra o mesmo e que, accidentalmente, o código pasou de probas a produción.
En calquera caso, a confianza en Movistar queda claramente danada, pola reiteración de incidentes de seguridade informática nun período de tempo tan reducido.

PUBLICIDADE