A páxina de Comercio de Santiago estrea sección dinamizadora

venres, 4 de marzo do 2016 Redacción

A web de Comercio do Concello de Santiago está a amosar estes días unha interesante novidade para os veciños da contorna. Trátase dunha nova sección dirixida a divulgar entre a cidadanía tanto as actividades municipais de dinamización comercial como as de outras entidades veciñais, comunitarias, sociais ou comerciais. A funcionalidade ten feitura de pestana e identifícase coa etiqueta “Dinamización”. O obxectivo, sinala o Concello, é que sexa unha ferramenta innovadora de comunicación para o sector comercial.
A iniciativa vén da man do Departamento de Comercio do Concello. Insírese no seu programa de actividades para mellorar a oferta comercial de Santiago e impulsar o comercio “como elemento vertebrador da vida social e económica da contorna”.
O portal web do Departamento, engade o Concello, “é un dos espazos de referencia para o sector, onde se pode atopar información, non só da actividade municipal senón de todas as iniciativas levadas a cabo polas asociacións de comerciantes, veciñais e de impulso do comercio na cidade”. Isto pode canalizarse a partir de agora coa nova sección Dinamización, que xa está accesíbel no portal web a disposición de colectivos de veciños ou de comerciantes. Para darlle uso só terán que mandar información sobre actividades culturais, sociais ou comerciais á conta de correo comercio@santiagodecompostela.org.

PUBLICIDADE