A páxina da CRTVG ofrece novos xogos de OQO Filmes

luns, 19 de decembro do 2011 Redacción

A páxina web de CRTVG vén de reforzar os seus contidos para os máis cativos, e faino botando man dunha serie de interesantes e divertidos videoxogos do selo galego OQO Filmes. Máis polo miúdo, trátase de tres propostas relacionadas coa serie de debuxos animados Contos do Camiño: as aplicacións Crebacabezas, Choiva de ladrillos e Aforcado, tres xogos xa dispoñíbeis no apartado Infantil da páxina web da CRTVG.
Punto por punto, Crebacabezas é un xogo de habilidade que consiste en retarnos a crear unha figura dun debuxo de fondo, usando diferentes pezas emprazadas á esquerda da pantalla. No segundo dos xogos teremos ante nós unha tarefa de peso e de gran importancia: a de construír un fogar que resista aos embates do lobo, estando prohibido empregar paus ou pallas (a cousa é centrarse nos ladrillos). Polo que atinxe ao Aforcado, dicir que se trata do clásico xogo de adiviñar unha palabra, neste caso ligada aos nomes dos animais.
Segundo informa a corporación galega e reflicten medios como a web de AGAPI, a sección Infantil na web da CRTVG púxose en marcha en xullo deste ano “e estase a consolidar como un referente para o público infantil en galego”. Ofrece a posibilidade de volver gozar de series xa emitidas na TVG2, como Doraemon, Contos do Camiño ou A Tropa de Trapo; libros recomendados pola asociación Gálix; cancións; audiocontos interpretados por voces coñecidas da radio e da televisión pública galega, definicións e xogos.

PUBLICIDADE