A partir deste martes podemos inscribirnos no curso de obtención do CODIX

luns, 3 de febreiro do 2020 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) abre este martes 4 de febreiro o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Haberá 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio que comeza o 2 de marzo e remata o 24 de maio, previo ao exame presencial que será a última semana dese mes.
Segundo informa AMTEGA, para acceder a esta actividade haberá que ter máis de 16 anos e sermos usuarias ou usuarios da rede CeMIT. A inscrición pode realizarse a través da páxina web do CeMIT, durante os cinco días hábiles seguintes á publicación da convocatoria no DOG.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número de reservas. As persoas admitidas de maneira provisional deberán aboar unha taxa de 10,63 euros correspondente aos dereitos de exame (ou presentar a documentación xustificativa da súa exención), sendo excluídas aquelas aspirantes que non formalicen a súa matriculación.
O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que só será preciso dispor dun computador e conexión a Internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
Durante as 12 semanas de duración deste curso as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o móduloMF0233_2 Ofimática (190 horas) do repertorio nacional de certificados de profesionalidade e baseado na suite Libreoffice de oficina libre e código aberto:
• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT, baixo a modalidade de autoformación.

PUBLICIDADE