A pantalla do Oppo Find X ocupará o 93,8% do seu frontal

martes, 19 de xuño do 2018 Marcus Fernández

O Vivo Nex demostrou hai poucos días que era posible facer un smartphone cunha parte frontal case todo pantalla sen ter que realizar sacrificios como a polémica pestana superior do iPhone X, pero dado que este teléfono está dirixido ao mercado chinés, quedaba por ver cal sería o primeiro teléfono en traer unha aparencia semellante a Europa, e finalmente será un dispositivo de Oppo, compañía chinesa da mesma matriz que Vivo, e que este verán vai chegar oficialmente a España seguindo os pasos de Xiaomi.
O novo Oppo Find X, smartphone cunha pantalla que ocupa o 93,8% do seu frontal (superando o 91,24% do xa impresionante Vivo Nex) vai presentarse oficialmente ás 20:45 horas no Louvre de París, pero non será preciso agardar ao evento para saber o que achegará este teléfono, pois en The Verge xa puideron botarlle a man, e compartan imaxes de grande calidade na que vemos un teléfono que ben podería compararse cun Samsung Galaxy S9 en deseño, pero cun detalle moi rechamante: ten unha parte superior retráctil que fai visibles as súas cámaras traseira e frontal. Deste xeito, cando non tiremos fotografías ou gravemos vídeo teremos un dispositivo máis compacto, o que agradécese especialmente mentres se garda no peto.
O Oppo Find X chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, 8 GB de RAM, até 256 GB de almacenamento, pantalla de 6,4 polgadas cunha resolución de 2.340 x 1.080 píxeles, cámara dual traseira de 20 e 16 Mpíxeles, cámara frontal de 25 Mpíxeles, batería de 3.730 mAh con carga rápida, sistema operativo Android 8.1 coa capa de personalización Color OS (que facilita principalmente a personalización da súa aparencia con temas).
Espérase que hoxe mesmo saia á venda en China, e a súa dispoñibilidade europea darase a coñecer esta tarde, sendo moi probable que empreguen este dispositivo para o lanzamento da marca en mercados como o español, para o que tamén empregan a figura do futbolista Neymar como reclamo comercial.

ACTUALIZACIÓN: Ao parecer, o Oppo Find X sairá á venda en Europa en agosto a un prezo de 999 euros, existindo tamén unha edición Lamborghini que incluirá o logotipo de marca gravado e mellor carga rápida, incrementando o seu prezo até os 1.699 euros.

Neymar é a celebridade que ficharon para promocional o Oppo Find X

PUBLICIDADE