A palabra #galega foi a segunda máis usada do Twitter na xornada do venres

luns, 20 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

O segundo asalto para situar a nosa lingua entre os temas máis salientables da xornada do pasado venres saldouse con 1.800 twits pouco antes das 20.00 horas, o que se traduce na consecución dun posto máis que salientable para o termo #galega: o segundo do ranking, só por detrás do tema promovido nesa xornada, que era Android. Isto quere dicir que grazas á achega colectiva de usuarios galegos de Twitter conseguiuse situar á nosa lingua entre os trending topics da dita rede social, que é unha maneira coma outra calquera de designar aos temas estrela.

A iniciativa, que veu da man de Galegolab e de Radiodifusión, foi como dixemos a segunda convocatoria dunha cita colectiva previa, ámbalas dúas dirixidas a promover e prestixiar a nosa identidade nas redes 2.0.

No que se refire a números, os logros deste último asalto, de seguro que non o derradeiro, son máis que salientables: acadáronse 1.729 mensaxes coa palabra galega, escritas por case 300 persoas que foron quen de poñela no máis alto da rede social.

Como se dixo, a iniciativa buscaba divulgar a lingua galega entre os 250 millóns de usuarios que conforman a comunidade de Twitter, “nomeadamente os episodios que levaron á execución do mariscal Pardo de Cela e as experiencias vitais de Ánxel Casal e Isidro Parga Pondal como exemplos de compromiso á vez que dar visibilidade, especialmente no Brasil, da problemática da lingua galega”, informa Galegolab.org.

PUBLICIDADE