A organización de XGN destaca o potencial do encontro como foro de emprego TIC

sábado, 16 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Xuventude Galicia Net 2011 converteuse este sábado nun fervedoiro de mozas e mozos procedentes de tódolos recunchos do país. A capacidade de convocatoria da festa, malia o inevitable desgaste (son xa 12 anos de edicións continuas) e malia o feito de que as redes están cada día máis presentes nos fogares de cada quen, segue a ter o seu aquel. A cousa é para ter moi en conta, e máis se pensamos nas circunstancias que xogaron un pouco á contra desta convocatoria: o día de praia, o fútbol, o devandito desgaste, etc.
A xornada do sábado comezou coa visita ao Palacio de Congresos de Santiago da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, quen fixo referencia aos valores que, ao seu xuízo, mantén a festa alén dos puntos de vista máis tecnolóxicos: valores de comunicación, de lecer e de participación. Ademais disto, comentou, cómpre ter en conta que hai empresas que ollan de preto esta xuntanza con vistas á contratación futura de profesionais.
Esta vertente de vínculo mozos-empresas, máis visible nos foros e relatorios especializados que inclúe XGN, é segundo a conselleira un ben a salvagardar e a rendibilizar. Mato, que estivo acompañada na súa visita da secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, salientou que o obxectivo do departamento que dirixe é localizar e potenciar aqueles eidos onde Xuventude Galicia Net pode ser de meirande utilidade, tanto para a divulgaciòn tecnolóxica como para estreitar as ligazóns entre a mocidade en liña e as empresas nas que poderán despregar o seu labor nun futuro próximo.
A festa, que se prolonga até este domingo, conta este ano con 1.200 persoas inscritas, sendo as previsións as de dar acubillo a arredor de 6.000 visitantes en xeral. Uns e outros terán á súa disposición todo tipo de actividades, tanto dentro do interior do recinto (onde se desenvolve un programa de preto de 40 charlas e obradoiros con relatores dos máis diversos ámbitos tecnolóxico-dixitais: empresas TIC, redes sociais, software libre, programación, robótica, etc) como fóra do Palacio de Congresos, onde hai concursos, xogos e torneos abertos para quen queira participar.

PUBLICIDADE